O Campus Industrial é único ao renovar o selo de especialización

O Campus Industrial é único ao renovar o selo de especialización
O acto en conmemoración da acreditación comezou cunha visita ao Citeni e continuou no exterior | DANIEL ALEXANDRE

O Campus Industrial de Ferrol recibiu onte outra placa que conmemora a reacreditación da especialización que obtén, por segunda vez e marcando un fito a nivel galego, esta institución, dependente da Universidade da Coruña, até o vindeiro 2028.

 

Este recoñecemento, que se exhibirá xunto ao anterior no edificio da Vicerreitoría, deixa constancia da particularidade que presenta a área universitaria ferrolá, que é a primeira en obter a renovación do selo de excelencia como Campus de Especialización Acreditado do SUG. Do mesmo xeito, a sede xa fora pioneira, tanto a nivel autonómico como estatal, cando conseguiu a verificación por primeira vez.


Trátase dunha credencial que foi outorgada despois da avaliación dun comité de expertos, alleos tanto á universidade como á Xunta, cuxo propio coordinador, Francisco Javier Rey Campos, caracterizou ás persoas que integran o equipo de “no facilmente impresionables y con larga experiencia en la evaluación y valoración de la investigación científica, la docencia y la estrategia universitaria”.


Ademais do rexistro da especialización da docencia e investigación no eido naval, oceánico e industrial, o selo vai asociado a un financiamento de 6.644.400 euros. Segundo expresou na súa visita o presidente da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela, trátase dunha achega “importante” que facilitará a planificación. “Saber que vai contar cuns orzamentos fixos, despois de telos merecidos, dá tranquilidade e capacidade para poder traballar”, sinala.


O presidente autonómico foi o encargado de realizar a entrega simbólica da acreditación, xa que o encontro constituíu unha celebración da certificación que o Campus xa posúe dende marzo. A recepción da placa conmemorativa correspondeu ao reitor da UDC, Ricardo Cao Abad. Este responsable aproveitou para realizar un repaso pola historia do Campus Industrial, que “xurdiu no ano 2015 pivotando sobre seis liñas concretas”, daquela “con fondos propios da Universidade da Coruña”, aínda que a Xunta non tardou en financiar esa primeira etapa do proxecto.


As disciplinas entorno ás que naceu o Campus de Ferrol son a robótica industrial, os materiais, a optimización de procesos, a enxeñaría naval e offshore, xestión industrial e desenvolvemento de produto. Dende aquela fase inicial, un dos focos do esforzo foi a continua renovación académica, en parte posibilitada grazas ás financiacións obtidas das dúas acreditacións.

 

Innovación académica

Algúns destes froitos, en canto ás titulacións, foron detallados polo reitor, que comezou citando a de tipo bilingüe en Xestión Industrial da Moda, “que está tendo moito éxito e tamén moi implicada coas empresas do tecido téxtil galego e tamén de fóra”. Así mesmo, Cao nomeou o Grao Dual en Enxeñaría Eléctrica, que foi a primeira titulación deste tipo no Sistema Universitario de Galicia.


O título de Xestión Dixital de Información e Documentación foi o último grao ao que se referiu o reitor, que continuou apuntando algúns exemplos de formacións superiores. Entre elas deu conta dos másters en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade; en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, “tamén cunha moi importante incardinación no tecido produtivo”, así como o mestrado en Enxeñaría en Deseño Industrial.


Algunhas das accións que se están a desenvolver na actualidade e que marcarán o futuro do Campus Industrial son os novos programas docentes vinculados cos vehículos autónomos e coa realidade aumentada. “Todo o que sexa medrar e seguir facendo esa transferencia de coñecementos ás empresas e á sociedade, iso ao final funciona sempre”, declarou o presidente da Xunta con respecto ao Edificio de Investigación e Innovación na Industria –EI3–, que o Campus Industrial xa ten entre mans poñer en marcha. 


Estas novas instalacións  compleméntanse ás do Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia e ás do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais –Citeni–. Precisamente, o acto de celebración inaugurouse cunha visita guiada a este último recinto, no que participaron todas as autoridades e representantes institucionais asistentes.

 

A sede ferrolá está entre as tres que superan os requisitos do comité

O centro da universidade en Ferrol desenvolve dende fai anos un proceso de transformación en base aos obxectivos de maior especialización, compactidade, así como de calidade da docencia e da investigación, polos que se rexen as normas para adxudicar as acreditacións como Campus de Especialización –CE–. Os principais requisitos para optar ao recoñecemento son a posesión dun plan estratéxico aprobado pola universidade, como máximo nos tres anos previos á solicitude, que reflicta o enfoque de cara á especialización en cuestión, aparte de non ter presentado outras solicitudes desta clase.


Ademais, o comité de avaliación poderá efectuar unha visita presencial e elaborar os informes. En todo caso, este equipo, nomeado pola Secretaría General de Universidades, analizou a documentación presentada e mantivo unha reunión cos representantes do CE. As únicas instalacións do SUG que obtiveron estes certificados son os Campus Terra de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela, e Vida de Ourense, da UVigo, aparte do Industrial de Ferrol, que foi o primeiro en conseguilo.

 

 

O Campus Industrial é único ao renovar o selo de especialización

Te puede interesar