Unha candorca femia, de seis metros, apareceu aboiando na costa de Burela en abril de 2002. Tiña varias lesións e, na autopsia, descubríronse balas disparadas por unha escopeta de caza. Levaba días desorientada, ao estar privada do oído, e agonizando. A súa manda, na que, pola súa idade, debía ter un rol importante, acompañouna ata que morreu e, só despois diso, os cinco exemplares marcharon.
Ese animal ten, once anos despois, unha segunda vida no Museo da Sociedade Galega de Historia Natural, en Canido. Alí presentouse onte o esqueleto que montou persoal do centro e tamén unha réplica baseada no orixinal –a partir de moldes de escaiola– realizada na Escola de Arte e Superior de Deseño “Pablo Picasso”. Está feita con fibra de vidro e rechea de poliespán e, aínda que non se sabe o peso exacto, foi preciso un transporte especial desde a Coruña e a forza de seis persoas para colocala no lugar actual –despois dun estudo de como e onde ubicala integrándoa no espazo museístico actual–.
Na acolledora sala central vive a partir de agora, arrodeada das xoias dun museo que ten restos óseos de cetáceos extintos hai 15 millóns de anos, a osamenta dunha balea de 18 metros e agora tamén alberga unha homenaxe –como a definiu Alfredo López, da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños de Galicia– “a este individuo que era anónimo no océano e agora forma parte da sociedade humana”.
As candorcas son pezas escasas nos museos, lembrou Xan Rodríguez, presidente da SGHN en Ferrol, polo que é unha sorte contar con ela na cidade. “Poder tela é un orgullo”, apuntou. “É unha historia un pouco triste pero polo menos aprovéitase o seu corpo para a ciencia e a divulgación”.
Serafín Gónzalez, presidente da entidade en Galicia –que cumpre medio século de vida–, celebrou a existencia dun museo construído “grazas aos socios que ao longo de tantos decenios traballaron pouco a pouco”.