Cardesín: “Os franceses ofrecéronse durante a invasión a aboar os salarios pendentes”

O catedrático interviu no coloquio internacional "Un océano, dous destinos"
Cardesín: “Os franceses ofrecéronse durante a invasión a aboar os salarios pendentes”
O catedrático da UDC, durante a súa intervención esta tarde I D. Alexandre

Cardesín considera que os conflitos sociais do Ferrol daquelas décadas son máis complexos do que se cre.

 

A “eclosión” dunha cidade nova acelerou os conflitos sociais? 
Hai moi bos historiadores e historiadoras que teñen estudado de maneira moi exhaustiva a historia social de Ferrol, centrados dende a súa fundación ata comezos do XIX nas revoltas populares como exemplo de conflito social e, sobre todo, laboral. O que nos últimos anos teño visto é que as cousas son máis complexas. Para resumir: na segunda metade do XVIII desenvólvense en Ferrol nove revoltas populares, todas protagonizadas pola maestranza, os traballadores dos estaleiros e arsenais. Case sempre están relacionadas cos atrasos nos salarios e toman a forma moderna de abandonos de traballo e folga. Ademais, realízanse sempre fóra das instalacións navais (porque as leis castigaban de maneira moi dura a protesta dentro dos arsenais) e no barrio de Esteiro (porque é a zona de poboamento popular). En cambio, entre finais de 1807 e comezos de 1810 prodúcense sete revoltas, unha cada catro meses. Estas toman un carácter cada vez máis violento e xa non están protagonizadas só pola maestranza, pois entran tamén os presidiarios, os mariñeiros e as vendedoras de rúa.

 

Por que son máis violentas?
Porque supoñen ataques directos contra as máximas autoridades, chegando ao asasinato; invaden as instalacións navais e esténdense á Magdalena, onde o Teatro de Comedias, máximo expoñente das prácticas de estatus da oficialidade da Mariña foi incendiado. Hai un factor importante, que é a quebra absoluta da Facenda da monarquía, xa non hai cartos para pagar os salarios, pero tamén é a quebra do sistema de poder que ten que ver coa Guerra da Independencia. As máximas autoridades vense deslexitimadas e a poboación presiona para, en principio, resistirse aos franceses, pero cando estes se plantan ás portas da cidade e prometen pagar os atrasos dos salarios, a cidade cálmase socialmente.

 

Fala dun episodio especialmente violento... 
A culminación de todo isto prodúcese o 10 de febreiro de 1810 cando unha revolta de vendedoras, maestranza e mariñeiros, diante da pasividade absoluta dos soldados, entra nos arsenais e asasina á máxima autoridade, o comandante xeral do Departamento, José de Vargas. Desde a crónica de Montero Aróstegui pensábase que isto fora un exemplo moi excepcional na Historia de España e que facía que os ferroláns se sentiran avergoñados, pero no proxecto que coordino (os motíns na Guerra da Independencia) vemos que se dan 74 en máis de 50 cidades que culminan tamén no linchamento das máximas autoridades.

 

En que momento se acalma a situación? 
A partir de 1815 os estaleiros entran nunha bancarrota absoluta e practicamente se abandonan durante máis de vinte anos. Entón esténdese a calma, a calma da fame e da miseria: non hai motivos para protestar porque a Mariña ten abandonadas as instalacións. As revoltas volverán a partir de mediados do XIX, pero xa cos repertorios da manifestación e da folga sindical. 

 

Mañá, protagonismo britácnico

A segunda xornada do coloquio internacional sobre as relacións históricas entre Ferrol e Portsmouth abrirana as conferencias do catedrático de Historia Moderna da Universidade de Cantabria Tomás Antonio Mantecón, que leva por título “Anatomía de la ciudad atlántica en la Europa del Antiguo Régimen”, e do profesor da UDC e organizador da cita, Manuel-Reyes García Hurtado, que falará sobre “La Corona británica y Ferrol en el siglo XVIII: códigos, mapas e inteligencia”. Despois tomarán a palabra os historiadores británicos, con sete relatorios que pechará ás 19.15 horas o profesor da Univesidade de Portsmouth Brad Beaven. 

Cardesín: “Os franceses ofrecéronse durante a invasión a aboar os salarios pendentes”

Te puede interesar