A encargada de restaurar o monumento á música ferrolá é a actual directora do museo Pérez Porto de Esmelle, que xestiona a asociación veciñal. Carme Romero imparte clases, unha das tarefas coas que máis se sinte realizada, no edificio do grupo escolar Concepción Arenal de Fene, coa asociación Cerámica e máis. Tamén se atopa en trámites de ofrecelas en Canido, onde está dispoñible a mostra “Serea de cores” até o final deste mes, na SDR.
Levaba moitos anos vivindo en Madrid cando a artista se introduciu no mundo da cerámica, despois de ter á súa filla pequena, e foi nestas terras onde realizou a súa primeira colección. Xa de volta en Galicia, en 2014 representou á súa terra no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa, coa mostra “Mulleres mariñas”, integrada por “caras con corpos de peixe que levaban ‘haikus’ expresando a arela que sentían pola ausencia do mar”, concretou a súa autora.
“Déronme o teléfono de Pérez Porto porque había un forno en Fene que non se lle estaba a dar uso”, indicou Carme Romero sobre o inicio dun vínculo frutuoso, xa que “aínda que eu intuitivamente xa traballaba a cerámica dende o oco”, posteriormente “con Francisco aprendín unha técnica nova que me deu moito coñecemento da materia”. Os dous comezaron a traballar xuntos este método no que “o aire fai unha resistencia”, advertiu Romero, de xeito que os volumes realízanse unicamente petando, sen engadir elementos. Pola contra, outras persoas valeiran a peza, xa que “a cerámica ten que estar oca” para cocerse, ou a realizan sobre unha base que no forno desapareza.
Carme Romero ensina a obrar aos seus aprendices do mesmo xeito que o fai ela, que se sinte “fachendosa de poder darlle ás persoas ese saber para que fagan”, co obxectivo de que o método “non se perda, porque esa maneira de traballar tena Francisco e agora quedo eu, e os alumnos que veñan por diante, pero a ver se algún se adica a isto”, expresou. As clases tamén son para a artista unha ocasión de “facer cultura”, que non se limita a ofrecer elementos para observar e disfrutar, senón que da “a oportunidade a persoas normais que teñen os seus traballos e que poden desenvolver cousas que eu creo que nunca puideron imaxinar”.
A exposición que se exhibe na SRD Canido, que xa a creou o ano pasado, é unha obra conxunta que xira arredor dunha serea que vai perdendo as cores “porque non saben querela ben”, manifestou a artífice, que tamén gosta da creación musical. Precisamente, foi unha cantiga súa a que orixinou a mostra. “Compuxen unha sobre o mal amor ou como non se debe querer”, e empezou a ilustrar o tema até que ao final lle propuxo a Pérez Porto esta tarefa, quen “fixo oito ilustracións para o romance”. A partir delas, Carme Romero inspirouse para facer as pinturas cerámicas que tamén son parte.
Outra das súas últimas coleccións, que xa percorreu varias vilas, é “Meigas sabias e mulleres boas”, dedicada ás coñecedoras da medicina popular, ás curandeiras. Trátase dun conxunto que utiliza “para contar as nosas lendas”, como a de San Andrés de Teixido, segundo sinalou a ceramista, e que nace da valorización da cultura propia, ou “será que pasei tantas ganas do noso”.