Catuxa Salom leva a mestura galego-latina á sala La Room

A finalista por dous anos consecutivos nos premios Martín Códax presenta en Ferrol o seu ritmo folk e electrónico
Catuxa Salom leva a mestura galego-latina á sala La Room
Este 2024 actuou no Nachiños Fest e en 2023, na imaxe, no castelo de San Felipe | DANIEL ALEXANDRE

Unha das voces que máis resoan no actual movemento do folk electrónico é a de Catuxa Salom, artista galega con raíces arxentinas, que se fixo cun oco privilexiado nesta escena pola súa mestura de ritmos propios destas dúas terras. A escasos días de lanzar o seu primeiro disco LP, “Cāldo”, actuará esta noite, ás 00.15 horas, en La Room.


As portas da sala abrirán ás 00.00, cando os interesados poderán adquirir as entradas ao prezo de oito euros, aínda que, quen desexe asegurar a súa pode facerse con ela no café Sevilla, grazas ao convenio de colaboración de ambos establecementos.


“Nunha aldea” é o EP co que Catuxa Salom debutou en 2022, producido por Marcos Bayón en Prasat Bayon Studio, co que xa se posicionou como unha auténtica revelación. Neste traballo, exhibe a súa personalidade artística a través dun universo sonoro que vai dende a música tradicional galega até os sons latinos.


Este título parte da transición a un pobo das montañas de Lugo, onde a artista lanza un disco no que a valorización do fogar e da natureza están moi presentes. Os seus sons envólvense dunha atmosfera tribal que convida a bailar e conecta co lado humano máis puro e salvaxe.


A sacudida que deu ao panorama valeulle quedar coma finalista, tanto en 2022 coma en 2023, nos premios galegos Martín Códax, na categoría de Músicas do Mundo. Do mesmo xeito, a xira de presentación do seu primeiro traballo, que abarca máis de 40 concertos, acredita o éxito.


O seu LP verá a luz o vindeiro xoves 21, aínda que xa publicou un adianto do seu contido no pasado mes de outubro, co nome de “Ela Cando Baila”. Este concerto inclúese no programa da Rede Galega de Música ao Vivo da sala La Room, que conta co apoio da Xunta de Galicia, por medio da subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais –Agadic–. 

Catuxa Salom leva a mestura galego-latina á sala La Room

Te puede interesar