A programación de Nadal no barrio de Canido inclúe diversas citas para estas festas, aínda que algunhas disten das temáticas máis habituais. Este é o caso dos eventos das próximas datas no centro cívico, partindo da presentación do último libro de Antón Cortizas, este xoves ás 19.00 horas.
Trátase da obra “Palabras como moscas”, que se dará a coñecer cun diálogo coa escritora e tradutora Ana Varela, nun acto organizado por Edicións Embora, Muíño do Vento, a asociación veciñal e o Concello. Ao día seguinte, o venres, tamén ás 19.00, desenvolverase unha nova conferencia do ciclo “O barrio é noso”, que estará a cargo do arquitecto Antonio García. Para rematar os tres encontros previos á visita de Papá Noel na SRYD, o domingo ás 11.30, Melissa Cimas ofrecerá un obradoiro multisensorial.