O Centro Crise 24 horas comeza a súa andadura no hospital Novoa Santos

Xunta, Concello e Delegación do Goberno asistiron á inauguración do servizo, aberto desde este venres
O Centro Crise 24 horas comeza a súa andadura no hospital Novoa Santos
Un intre da visita de onte ás instalacións que abriron as portas este venres |D.A.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, destacou en Ferrol a importancia da colaboración entre institucións na loita contra calquera forma de violencia contra as mulleres. Fíxoo durante a inauguración do Centro Crise 24 horas da cidade, situado no hospital Novoa Santos, acto no que estiveron representadas as diferentes administracións.

 


Por parte do Concello estivo presente o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e por parte da administración autonómica a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a conselleira de Política Territorial, Fabiola García, ademais de Rivas, quen destacou que o Centro de Crise ferrolán, que comezou a funcionar o pasado venres, é posible grazas ao compromiso do Goberno con esta loita, “un compromiso que se materializa nun investimento de seis millóns de euros a través do Plan de Recuperación para poñer en marcha en Galicia estes centros”. 


Serán dous na provincia da Coruña, en Ferrol e en Santiago de Compostela, e outros tres en Vigo, Ourense e Lugo, como lembrou. María Rivas explicou tamén que estes centros están pensados para que as vítimas teñan á súa disposición atención permanente e, en caso de que xurda calquera agresión, reciban asistencia de forma urxente, tanto psicolóxica, como xurídica ou social, “para elas e tamén para as persoas da súa contorna”, apuntou a subdelegada, quen engadiu que “esta actuación é un exemplo máis do compromiso do Goberno de aumentar e mellorar os servizos que se lle prestan ás mulleres vítimas de delitos sexuais, igual que facemos coas vítimas de violencia machista, con máis de 84 millóns de euros investidos desde 2018 en Galicia”, apuntou a subdelegada, lembrando tamén que no que vai de ano son xa cinco mulleres asasinadas en Galicia por violencia de xénero, “uns crimes que non podemos nin queremos tolerar”, abondou.

 

 


Colaboración 
 

Por iso incidiu na importancia da colaboración entre a Xunta, o Goberno central e os concellos “para loitar entre todos ante calquera forma de violencia contra as mulleres, pois só así poderemos acabar con esta terrible realidade”, afirmou.


A subdelegada aproveitou a ocasión para poñer en valor a posta en marcha do centro e para felicitarse pola colaboración entre institucións “para prestar un servizo tan importante para as mulleres como é o de atención ás vítimas”. 


Ademais, lembrou que o Goberno vai flexibilizar os prazos de execución e xustificación das axudas para a posta en marcha destes centros ata o vindeiro 2 de xuño de 2025, un acordo que se ratificará na Conferencia Sectorial extraordinaria de mañá luns, día 23.

 

 

Sen denuncia
 

O alcalde de Ferrol, pola súa banda, afirmou que coa apertura deste espazo, “a cidade súmase a Lugo, Ourense, Santiago e Vigo, que contan xa con este servizo, que é fundamental para atender ás mulleres vítimas de violencia sexual”. Rey Varela agradeceu en concreto á conselleira de Política Social a posta en marcha deste recurso para mulleres a partir dos 15 anos, independentemente de cal sexa a súa situación administrativa, que vivisen no presente ou pasado algún intento ou situación de violencia sexual.


Rey Varela tamén incidiu en que “para acceder a esta atención especializada non é necesario interpor unha denuncia”. A Xunta destinou 140.000 euros para a posta en marcha do centro e consignou 500.000 euros máis dos orzamentos de 2025 para a súa xestión. 

O Centro Crise 24 horas comeza a súa andadura no hospital Novoa Santos

Te puede interesar