Os centros de saúde da Área Sanitaria de Ferrol potencian aínda máis a loita contra as resistencias que xeran os antimicrobianos cun PROA (Programa de Optimización do Uso de Antimicrobianos) comunitario.
Os antimicrobianos son fármacos esenciais para tratar as enfermidades infecciosas máis frecuentes, e, explican os profesionais especializados de Infecciosas na Área ferrolá, “existe un uso mellorable dos mesmos a nivel mundial, chegando nalgúns estudos a considerarse que ata un 50% das prescricións de antimicrobianos son incorrectas”.
Ante este problema, xurdiron estes Programas de Optimización do Uso de Antimicrobianos (PROA), que son iniciativas multidisciplinares deseñadas para promover un uso máis racional e efectivo destes medicamentos. Os PROA teñen como obxectivo principal mellorar os resultados clínicos nos pacientes e reducir as resistencias.
Na Área Sanitaria de Ferrol, o equipo PROA creouse en 2014, unha das primeiras de Galicia en facelo, co obxectivo de asesorar aos facultativos no uso de antimicrobianos, co obxectivo de frear a aparición de resistencias, mellorar os resultados clínicos dos pacientes, e establecer programas de formación para profesionais sanitarios de todas as categorías sobre o uso adecuado destes antimicrobianos.
Na actualidade, a equipa está formada por Sabela Sánchez Trigo, coordinadora do Equipo PROA e facultativa da Unidade de Enfermidades Infecciosas; Belén Bardán Rodríguez, facultativa de Farmacia Hospitalaria; Pedro Juiz González, facultativo de Microbioloxía; e María José Castro Orjales, facultativa de Medicina Intensiva.
Neste ano 2024, creouse na Área o equipo PROA comunitario, coordinado pola farmacéutica de Atención Primaria, Mercedes Moreda. Este equipo é multidisciplinar e conta con representación de pediatría, farmacia, enfermaría e médicos de atención primaria, así como médicos de Urxencias, Microbioloxía e un facultativo de referencia da Unidade de Enfermidades Infecciosas do hospital. Ademais, cóntase cunha persoa referente en cada centro de saúde. O obxectivo no presente ano é difundir a súa creación e iniciar labores educativas dirixidas ao persoal sanitario, así como difundir o uso das guías de tratamento antimicrobiano do PRAN (Plan de Resistencias a Antimicrobianos), potenciándose así esta loita antimicroniana tanto no ámbito hospitalario como nos centros de saúde.
Nesta Semana Mundial da Concienciación sobre o Uso dos Antimicrobianos, profesionais da Área organizaban este mércores uns cursos de formación para residentes específicos e relacionados co programa PROA.
A maiores, a sesión clínica xeral desta mañá dedicábase a coñecer a experiencia destes programas noutros centros sanitarios de España, e, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, o xefe de servizo de Infecciosas do Hospital Universitario Virgen del Rocío de Sevilla, daba conta do deseño, implementación e avaliación dun PROA tras 14 anos de funcionamento no seu centro hospitalario.
Dende a Unidade de Infecciosas da Área, afirman que a resistencia aos antimicrobianos é un dos maiores desafíos para a saúde pública a nivel mundial. Este problema xorde cando as bacterias, virus, fungos e outros microorganismos desenvolven a capacidade de resistir aos medicamentos deseñados para combatelos, dificultando o tratamento de infeccións e poñendo en risco a vida de millóns de persoas cada ano. A resistencia aos antimicrobianos é un proceso evolutivo natural.
O uso excesivo ou inadecuado destes medicamentos exerce unha presión selectiva sobre os microorganismos, favorecendo a supervivencia daqueles que posúen mecanismos de resistencia. Co tempo, estas cepas resistentes multiplícanse e se estenden, dificultando cada vez máis o tratamento das infeccións.
Precisamente, un labor fundamental dos equipos PROA “é establecer as guías clínicas locais de tratamento das principais infeccións, valorando as características da nosa área e as resistencias locais, de modo que poidan servir como axuda á prescrición”, engaden desde a unidade de Infecciosos.
Neste último ano, explican, estanse a actualizar as guías da Área Sanitaria, nun traballo multidisciplinar que implica a numerosos servizos hospitalarios como Enfermidades Infecciosas, Medicina Interna, Microbioloxía, Farmacia, Pneumoloxía, Neuroloxía, Dixestivo, Cirurxía Xeral, Traumatoloxía, Reumatoloxía, Uroloxía, Nefroloxía, ou Medicina Intensiva, entre outros.
Desde a parte clínica, formada por facultativos expertos en Enfermidades Infecciosas, realízanse asesorías clínicas en todas as unidades e servizos do hospital, mediante a valoración dos casos dos pacientes e o estudo conxunto cos seus médicos responsables.
Tamén se realizan asesorías clínicas nas unidades de críticos por facultativos especialistas en Medicina Intensiva. Pola súa banda, desde o Servizo de Microbioloxía, revísanse diariamente os illamentos de microorganismos resistentes ou infeccións graves; e, desde o Servizo de Farmacia hospitalaria establécense alertas á prescrición.