Un Domingo de Ramos multitudinario que esquivou as pantasmas que ameazaban chuvia permitiu a milleiros de veciños de Ferrol e comarca e aos visitantes desde moitísimos puntos da xeografía española e do estranxeiro gozar, 378 días despois do peche da última Paixón, do comezo da semana grande da cidade.
O bo tempo e, sobre todo, as malas expectativas a nivel meteorolóxico que había até hai tan só uns días para a xornada deste domingo animaron ás familias a achegarse até o adro das Angustias, primeiro, e á praza de Amboaxe, despois, para participar no acto de bendición dos ramos e as palmas e, deseguido, nas dúas procesións inaugurais da Semana Santa ferrolá, declarada de interese turístico internacional.
O presidente da Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades, César Carreño, ilustraba cun gráfico “polo momento, Semana Santa de Ferrol 1, Aemet 0” o sentimento xeralizado tras unha primeira xornada cunha alta afluencia nas rúas e sen incidencias de relevancia. “Ollo, mañá igual empatamos, pero imos ir día a día porque hai moita inestabilidade e, por exemplo, hai uns días daban mal tempo para hoxe e mira o día que temos”.
Carreño sinalou tamén que precisamente por ter esa espada de Damocles do tempo enriba multiplica “a emoción de todas as persoas que participan na Semana Santa. Queremos vivilo todo con máis intensidade e en Ferrol é una festa importantísima que atrae moitísima xente”.
En previsión dunha afluencia masiva todos os días, o presidente da Xunta Xeral de Confrarías recomenda que se cumpran as normas das forzas e corpos de seguridade, pero, sobre todo, “diríalles que veñan gozar de Ferrol, unha cidade aberta, tolerante, inclusiva e democrática”.