O contexto no que se crea a arte marca a apertura do Día da Ilustración que segue en Esmelle

Suso Basterrechea encargouse de estrear a homenaxe a Xosé Vizoso no centro cultural Torrente Ballester
O contexto no que se crea a arte marca a apertura do Día da Ilustración que segue en Esmelle
A primeira cita da celebración ofreceu un repaso artístico atendendo a aspectos históricos e sociais | DANIEL ALEXANDRE

O Museo Pérez Porto de Esmelle acollerá esta tarde de venres, ás 17.00 horas, a derradeira sesión que organiza o Club de Prensa de Ferrol polo Día da Ilustración, que protagonizará a ceramista Carme Romero. A celebración comezou onte no Torrente Ballester, da man do artista e profesor Suso Basterrechea, que ofreceu unha ponencia baixo o título “Unha visión de contexto sobre Camilo Díaz Baliño, Máximo Ramos e novos retos na ilustración de hoxe”.


O Día da Ilustración deste ano dedícase a Xosé Vizoso, o que constitúe todo un fito por ser a primeira vez na que se rende homenaxe nesta data a un autor vivo. Por este motivo, o Club de Prensa agasallaralle unha peza de cerámica realizada por Carme Romero, a partir dunha ilustración do propio artista. Na sesión que terá lugar no museo de Esmelle, a ceramista explicará aos asistentes o método artesanal da ilustración realizada sobre cerámica, un material ben coñecido polo homenaxeado, grazas á súa extensa traxectoria creativa en Sargadelos.

 

Inauguración

O encontro de onte tamén contou coa participación do escritor e membro do Club de Prensa Xoán Rubia e da historiadora e directora de publicacións desta mesma entidade, Esperanza Piñeiro de San Miguel. Esta última deu paso ao conferenciante, Suso Basterrechea, coa popular ilustración de fondo da onda de Kanagawa, de Katsushika Hokusai.


Esta xilografía tradicional xaponesa deu pé ás primeiras visións de contexto que marcaron a intervención do licenciado en Bellas Artes pola Universidad de Sevilla, xa que segundo sinalou, esta obra constituíu o inicio da  iconografía galega, así como da europea, a pesar de admitir caer nesa “visión eurocentrista” que criticaba nun dos seus artigos.


A esta creación seguiron outras do panorama internacional, como o cartel do Moulin Rouge de Toulouse-Lautrec, que se puxeron en relación cos dous ilustradores ferroláns que centraron o discurso. Así, atopou similitudes estéticas entre o monte Fuji que aparece ao fondo da onda de Kanagawa coa Torre de Hércules que ilustrara Camilo Díaz Baliño, unha figura que destacou como pai de Isaac Díaz Pardo pola importancia que ten á hora de entender a obra deste último artista.


Basterrechea aproveitou a ocasión para reivindicar que “é absolutamente lamentable os fondos dixitalizados que existen dos ilustradores galegos”. Ademais, concretou que, entre as obras que custodia o Concello, non existe ningunha elaborada por Díaz Baliño, un autor que, segundo considerou o ponente, paradoxalmente non se adoita vincular con Ferrol.


A vida que levou por distintos puntos fóra da súa terra conectou a este ilustrador coa do outro protagonista, Máximo Ramos. Sobre este autor resaltou o seu libro “Mientras llega la hora” (1916), onde deixou constancia da súa visión social, “moi adiantada para a súa época” e pola que foi “tachado de anarquista”. Do mesmo xeito, o simbolismo que xa advertira nas ilustracións de Baliño, aparecen en maior medida na obra deste autor, que tal como sinalou, realizou a súa primeira exposición en Ferrol. 

O contexto no que se crea a arte marca a apertura do Día da Ilustración que segue en Esmelle

Te puede interesar