A Reitoría da Universidade da Coruña acolleu a presentación dos premios “Youtubeiras+”, un proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, entre os que se atopan dous da comarca, Ferrol e Narón; as tres universidades e da Deputación da Coruña.
O obxectivo é o de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de material na Rede.
Esta octava edición preséntase baixo o lema “Fachenda ao cadrado” e supón o renacer dos Premios Youtubeiras como Premios Youtubeiras+ ao abrir o seu alcance ás creacións en galego en TikToK.
No acto celebrado este martes 24 estiveron presentes tanto a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, como a concelleira de Política Lingüística do Concello de Ferrol, Patricia Cons, coa técnica de Normalización Língüística, Beatriz Bascoy.
Neste escenario, a vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, Cristina López Villar, explicou que “Youtubeiras, desde a súa posta en marcha en 2017, é un proxecto vivo, que evoluciona, que se transforma e que procura adaptarse á comunidade de persoas creadoras de contidos na Rede na nosa lingua, unha comunidade que consideramos que foi medrando ao abeiro destes premios que pasan a chamarse desde agora Youtubeiras+”.
Pola súa parte, a alcaldesa de Narón destacou dos premios que “a través desta iniciativa continuamos plasmando o compromiso da nosa cidade coa nosa lingua, o galego, e neste caso cunha proposta dirixida a un colectivo moi específico, as persoas creadoras de contidos”.
Dende os dous concellos da comarca animouse a participar neste certame e a divúlgalo para que a concurrencia sexa cada ano maior.
O prazo de inscrición na oitava edición, baixo o lema “Fachenda ao cadrado”, abriu onte mesmo e seguirá a recibir proxectos ata o 15 de novembro.
Neste certame poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas. No caso de concorrer menores de idade, a inscrición incluirá a autorización da persoa titora legal. As canles que participen deberán ter a maioría dos vídeos en galego e cumprir cos seguintes requisitos: contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras; non ter restricións de privacidade; os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, no caso de habelos, estarán en galego e os vídeos poden contar subtítulos de activación opcional no YouTube noutras linguas.
As bases dos premios poden consultarse na web: www.youtubeiras.gal.
Os Premios Youtubeiras+ repartirán nesta edición 7500 euros, que se distribuirán entre sete categorías. As persoas gañadoras nos apartados de canle de YouTube e canle de Tiktok recibirán 1250 euros cada unha, mentres que quen consiga os galardóns de creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e o premio do público levará 1000 euros. Para este último galardón calquera persoa poderá presentar suxestións (salvo dos contidos propios) a través do formulario habilitado na web www.youtubeiras.gal.
Os Premios Youtubeiras+ repartirán nesta edición 7500 euros, que se distribuirán entre sete categorías. As persoas gañadoras nos apartados de canle de YouTube e canle de Tiktok recibirán 1250 euros cada unha, mentres que quen consiga os galardóns de creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e o premio do público levará 1000 euros. Para este último galardón calquera persoa poderá presentar suxestións (salvo dos contidos propios) a través do formulario habilitado na web www.youtubeiras.gal.