O Correlingua volve impulsar o galego entre máis de mil alumnos da comarca de Ferrol

O Correlingua volve impulsar o galego entre máis de mil alumnos da comarca de Ferrol
“Dende aquí até acolá, galego xa!” é o lema desta edición | JORGE MEIS

A festa que reivindica o uso idioma propio de Galicia, enfocada en particular cara o alumnado, celebra hoxe a súa edición número 24. O Correlingua acada once localidades de toda a comunidade, entre as que se atopan catro concellos da zona de Ferrolterra.


Tras efectuar a primeira parada na Coruña, o encontro que vai cargado de concertos, festas, regueifas, obradoiros e concursos chega ao concello de Narón. O acto central ten lugar no Pazo da Cultura, onde actúa o grupo A Gramola Gominola, que foi o gañador da competición deste ano coa canción “Superlingua”. Nesta ocasión, o encontro volverá ser conducido por Isabel Risco.


A piques de cumprir un cuarto de século de historia, este ano concorren na convocatoria 14 centros dos concellos de Narón, Ferrol, Fene e Neda. Os participantes repártense en dúas quendas, que comezan cunha primeira actuación ás 10.00 horas. O tradicional percorrido realízase polas inmediacións do Pazo da Cultura dende as 11.00, sempre que o tempo o permita, e ás 12.00 horas realízase a segunda sesión.


En total, está previsto que asistan 1444 alumnos e alumnas xunto aos seus profesores, que coas súas reservas xa encheron por completo o aforo nas dúas quendas. Os participantes son os CEIP A Solaina, Cruceiro de Canido, Esteiro, Piñeiros, Isaac Peral, San Isidro, Ponzos, Virxe do Mar, Os Casais, Maciñeira, Ponte de Xuvia, ademais da Escola Semente de Trasancos,  CEE Terra de Ferrol e CRA de Narón.


O Correlingua está organizado  pola Mesa de Normalización Lingüística xunto coa Asociación Socio-pedagóxica galega e, nesta comarca, pola CIG Ensino Ferrol. Ademais, neste ámbito territorial  colaboran os Concellos de Narón, de Ferrol e de Fene.

 

O evento mobiliza a actividade cultural musical

O encontro compleméntase co Cantalingua, un concurso de cantigas inéditas con letras en galego, no que este ano participaron 29 bandas e solistas. Despois do grupo A Gramola Gominola, que obtivo o primeiro posto, quedou de segundo Cuarta Xusta, co tema “Presumo do galego”, seguido da Mekánika Rolling Band, que presentou “Miña Nai”. A continuación quedaron Paco Nogueiras, coa canción “Festa!” e Pauliña con “Pauliña sen faser nada”.

O Correlingua volve impulsar o galego entre máis de mil alumnos da comarca de Ferrol

Te puede interesar