Cristina Pereiro: “O emprego digno é a principal vía para a integración e a inserción real”

A coordinadora de Acción Social de Cáritas participa nunha xornada en AEF
Cristina Pereiro: “O emprego digno é a principal vía para a integración e a inserción real”
Cristina Pereiro, onte na sede da rúa Magdalena I E. Cortizas

A coordinadora de Acción Social de Cáritas, Cristina Pereiro, está convencida de que “o emprego digno é a principal vía para a integración e inserción real das persoas” e por iso a organización á que pertence centra boa parte dos seus esforzos en explorar todas as vías para alcanzala. A información é, sostén, un dos medios para camiñar cara a esa meta. Deste xeito, co título de “Migración e emprego”, na mañá de hoxe na sede de Asociación de Empresarios Ferrolterra trasladaralle ao empresariado presente as oportunidades que permite a lei para a contratación de persoas en situación administrativa irregular. 


“En Cáritas”, explica Pereiro, “traballamos en varias frontes, como as habilidades persoais, a capacitación profesional a través de cursos ou a formación no mesmo posto de traballo”. Todo isto compleméntase coas tarefas de asesoramento e acompañamento social. “Traballamos con persoas na súa meirande parte migrantes, cunha posición social de vulnerabilidade e en situación administrativa irregular, o que ás veces supón un obstáculo moi grande para a súa inserción sociolaboral”.


Nese sentido, a coordinadora de Acción Social de Cáritas lembra que para estas persoas a súa situación administrativa “convértese nun muro infranqueable” ata que poden acceder a unha vía de regularización, que pode ser de diferente natureza: social, laboral ou por formación.  


Este último tipo é no que se basa un proxecto piloto de Cáritas coa Xunta que comezou o ano pasado. “Estamos explorando esa vía a través das microcredenciais”, afirma Pereiro, “pola que a persoa se forma na propia empresa durante 170 horas un mes cobrando o SMI. Rematada a formación, a persoa recibe unha oferta laboral desa empresa ou doutra do mesmo sector profesional”.


Este proxecto permitiu que no ano pasado dez persoas na diócese de Mondoñedo-Ferrol regulasen a súa situación e accedesen a un emprego. Son todas as que comezaron esta formación que terá continuidade nas vindeiras semanas con outro grupo, desta volta de 16 persoas, avanza Pereiro.


Conciliar intereses 

Os bos resultados da primera convocatoria avalan a aposta dos técnicos de Cáritas. “Non se trata só de dar un curso e xa está, senón que hai un asesoramento técnico, hai un acompañamento e un traballo para saber se os intereses da persoa e a empresa encaixan”, lembra. 


A difusión das características deste proxecto de formación entre o empresariado centrará boa parte do tempo da xornada de hoxe en Punta Arnela. “En ocasións as empresas chaman un pouco desesperadas porque non dan atopado persoal, e moitas veces tampouco coñecen todas as vías  que Estranxeiría permite para a regularización destas persoas”, apunta. 

Cristina Pereiro: “O emprego digno é a principal vía para a integración e a inserción real”

Te puede interesar