A defensa da lingua galega e a participación nos actos conmemorativos do 75º cabodano de Castelao son as dúas liñas de traballo político que se marca a executiva comarcal para os vindeiros meses. A nova responsable, Pilar Lozano, presentou, canda outros membros do órgano de dirección da formación en Ferrol, as súas propostas, que procuran a “plena recuperación e normalización da lingua” e a reivindicación da figura do intelectual, artista e político rianxeiro, fuxindo, incidiu, “da apropiación do seu legado e das manipulacións por parte do Partido Popular”.
Con respecto ao idioma, Lozano esgrimiu os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) que revelan que o 30% dos menores entre 5 e 15 anos non saben expresarse en galego. “Estamos a falar da xeración que foi á escola logo da entrada en vigor do decreto do plurilingüismo de Núñez Feijóo”. Nese sentido, o BNG confirmou a súa implicación nos actos que organice a plataforma Queremos Galego. Un deles será en Ferrol –o día 23 deste mes no antigo Hospicio– e un mes despois haberá unha manifestación en Santiago de Compostela, coincidindo co día de nacemento –en 1837– de Rosalía de Castro.
A formación tamén promoverá un debate sobre un novo modelo de financiamento
En canto a Castelao, o BNG comarcal cre que os actos que se van desenvolver e nos que a organización nacionalista vai ter tamén un rol activo, servirán para recuperar e coñecer a súa figura en todas as facetas que cultivou. Con todo, e tras manifestar o interese da formación en participar en todos os eventos que incidan nestes aspectos, Pilar Lozano lembrou que “se hoxe estivese vivo se posicionarí a favor da autodeterminación ou, cando menos, a prol dun federalismo xenuíno”, asegurou en referencia ao que define como “intentos de apropiación” doutras forzas políticas.
Ademais destas dúas liñas de traballo, a nova responsable comarcal abriu o abano de interese a outras campañas como a que rexeita o “espolio colonial dos nosos recursos”, a que promove o debate sobre un novo modelo de financiamento, os actos do 8M e 10M, as iniciativas a prol do reforzamento da sanidade pública, a recollida de sinaturas da ILP “Defende a Galega” ou a participación nos actos que organice a Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina.
Pola súa parte, o deputado Xosé Manuel Golpe animou á participación na manifestación deste domingo nas Pontes a prol da reindustrialización da vila. “Queremos unha transición xusta e concreción e avance nos proxectos que se anunciaron” para paliar as consecuencias do peche da térmica.
Golpe criticou o reparto dos fondos de transición e que o Goberno central “non teña o punto fixado no municipio das Pontes”.