O programa FO221/2024 da Deputación da Coruña reparte axudas a concellos e entidades locais para o apoio ao desenvolvemento de distintos eventos culturais durante este ano. A lista de beneficiarios inclúe cinco propostas procedentes das comarcas de Ferrol e Ortegal.
A partida total da subvención é de 535.304 euros, dos que 153.402,67 euros irán destinados a distintas iniciativas de catro concellos diferentes. Comezando polo organismo beneficiario que recibe unha maior cantidade de cartos, o Concello de Ortigueira obtén 65.000 euros para o Festival Internacional do Mundo Celta deste ano.
En segundo lugar, o Padroado da Cultura de Narón ten dereito a dúas axudas distintas. A primeira, de 26.000 euros, irá destinada á XL Motix, a Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil. No outro caso, a entidade naronesa beneficiarase dun total de 25.364,36 para a súa inversión na actividade do IX Singular, o Festival Internacional do Monólogo Teatral.
A penúltima proposta do ranking é unha mostra de teatro, pola que o Concello de Cariño conseguirá 24.742,76 euros. O menor importe lévao o Concello de San Sadurniño, 12.295,55 euros, que irán destinados ao noveno Chanfaina Lab.