Os "Días de mar" abren boca para a Festa da Cabria

A Agrupación Instrutiva de Caamouco organiza a segunda edición do encontro en colaboración co Concello de Ares
Os "Días de mar" abren boca para a Festa da Cabria
O programa inaugurouse cun showcooking de picaracha | CEDIDA

A segunda edición de “Días de mar” comezou onte na parroquia aresá de Caamouco con dúas propostas gastronómicas e unha actuación poético-musical, unhas actividades coas que se pretende dar un xiro á iniciativa para resultar máis atractiva de cara ao público xeral. Aínda así, non se esquece a parte divulgativa que aposta pola recuperación das tradicións mariñeiras, coa que se continúa neste domingo.


O cociñeiro e veciño José Luis Pereira estreou o programa o sábado cun showcooking, que abordou de forma interactiva, no que preparou picaracha, un guiso a base de sardiñas ou parrochas moi popular na comarca durante  xeracións. “É a primeira vez que faciamos algo así”, relata Dani García, presidente da asociación que organiza o encontro, “gustounos moito o resultado e a implicación da xente, estivo moi ben”, conclúe. 


A vintena de persoas que asistiron, superando as expectativas, participaron coa achega doutros nomes e ingredientes, así como doutras receitas vinculadas ao mar, e xa mostraron as súas ganas de repetir o ano que vén. Pola tarde, ao acto de inauguración acudiu Alma Barrón, concelleira de Cultura, debido á colaboración que se deu este ano. O acordo ponse de manifesto na cesión do Alboio de Areamorta para a exposición “Cultura oceánica”, promovida polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia –Ceida–, aberta até o vindeiro venres de 12.00 a 14.00 horas.


Ademais, na sede da asociación pódense ver as mostras  “Un mar de lendas”, deseñada pola Agrupación Instrutiva de Caamouco, e “Compañeiras do mar e do ceo”, tamén impulsada polo Ceida. Neste caso, pódense ver de 19.00 a 21.00, até o venres, xa que as xornadas naceron para crear expectación de cara á cita do día seguinte. Así, a Festa da Cabria do sábado incluirá unha visita guiada tanto á exposición do Alboio de Areamorta como ao propio edificio de titularidade municipal.


Outra proposta gastronómica foi a mexillonada popular con produto galego, que finalizou o programa de do sábado, ademais da degustación de pementos do Couto IXP, precedidas da actuación poético-musical de Helga Méndez e Eugenia Sanmartín, por suposto de temática mariñeira. A pesar da incorporación de distintas propostas de carácter máis festivo, mantense o espírito divulgativo en citas como a que terá lugar esta tarde, ás 19.00 horas, coa proxección de “Carpintería de ribeira. Fasquiando o futuro”. A mostra deste documental compleméntase co coloquio con membros da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira.


Os tres próximos días, ás 19.30, impartiranse as conferencias, comezando mañá con “Historia das radiocomunicacións no mar”, a cargo do veciño Nazario Lledó, oficial radioeléctrónico da Mariña Mercante. O mércores tocaralle a Sergio París, técnico do Ceida, dar a charla “Aves mariñas da ría de Ares e do Golfo Ártabro”, e o xoves ao investigador Xabier Brisset, que se ocupará de “A sabiduría das ribeiras pescadoras e o sanuario Ártabro”.


O programa concluirá o venres, tamén ás 19.30 horas, coa presentación do número 16 da revista “Nova Ardentía", da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Segundo García, trátase de citas que “non queremos que sexan moi longas”, advirte, animando á xente a “que veñan a coñecer unha parte da nosa historia”, vinculada ao mar, “antes de que a economía da comarca cambiase e os sectores produtivos fosen mudando”. 

Os "Días de mar" abren boca para a Festa da Cabria

Te puede interesar