A pista polideportiva de Doso encheuse onte de xente para celebrar unha nova edición da Recreación da Esfolla, festa organizada pola AVV A Naveira coa colaboración do Padroado da Cultura de Narón. A actividade daba comezo sobre as cinco da tarde co desprazamento dos carros cargados de mazarocas de maínzo desde o rueiro da Braña ata a pista, onde foron recibidos con música.
A partir dese momento, houbo espazo para o desenvolvemento dos obradoiros deseñados para a ocasión, como o de elaboración de bonecos de maínzo ou o de bolas na tixola, e para a propia demostración da esfolla, aberta á participación do público. O programa incluíu ademais un concurso de sobremesas, con postres elaborados con produtos de temporada, así como a actuación musical do grupo “Os do fondo da barra”, que serviu para pechar a cita.