Dous centros da comarca salientan no primeiro Concurso Pimaga de matemáticas

Dous centros da comarca salientan no primeiro Concurso Pimaga de matemáticas
Marco Campo e Miguel Brozos, profesores no Campus vinculados ao Citmaga, noutra iniciativa de divulgación, o GNight | CEDIDA

Con motivo do Día Internacional das Matemáticas, o 14 de marzo, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia –Citmaga– propuxo o primeiro Concurso Pimaga. Deste certame resultaron premiados dous centros da comarca de Ferrol, o CPR Plirilingüe Sagrado Corazón e o IES Mugardos e o fallo publicouse a pasada semana.


A finalidade da iniciativa é  descubrir e divulgar os proxectos que desenvolven os centros educativos por esta data sinalada. “É o Día das Matemáticas por aquelo do número pi, xa que é o 14 do 3”, indica Miguel Brozos, da comisión de divulgación científica do Citmaga e xurado do concurso.


O encontro realizouse telematicamente, xa que os propios centros enviaban as propostas dos concursantes. Os alumnos do CPR Plurilingüe Sagrado Corazón quedaron en segundo posto coa súa presentación “Poñamos que falo de Ferrol... Descubrindo enigmas da cidade”, que incluía unha serie de actividades enfocadas a localizar certos lugares do territorio. O tribunal valorou a iniciativa pola cantidade de material orixinal elaborado, así como o detalle na exposición.


Por outro lado, o xurado propuxo un accésit para o IES Mugardos, que participou co seu traballo “Pi-Cadea e Concurso de Pituits”, que consistía en dúas actividades que se valoraron en conxunto. Segundo o xurado, a candidatura deste grupo amosaba as posibilidades que abre para  a comprensión do número pi como irracional.


O centro de referencia nas matemáticas en Galicia propón esta primeira edición do concurso “para recoñecer a toda esa xente que fai esas actividades extraordinarias polo Día das Matemáticas e tamén para incentivar que se fagan”, declara Miguel Brozos, que pertence á unidade do Campus ferrolán da UDC. A iniciativa dirixiuse aos docentes de todos os niveis educativos. 

Dous centros da comarca salientan no primeiro Concurso Pimaga de matemáticas

Te puede interesar