Eduardo Alonso Lois: “Ferrol chegou tarde á rehabilitación, pero agora é imparable"

O arquitecto conduce este mediodía unha charla online sobre rehabilitación veciñal
Eduardo Alonso Lois: “Ferrol chegou tarde á rehabilitación, pero agora é imparable"
Eduardo Alonso Lois, onte na delegación ferrolá do COAG I Jorge Meis

Ás 12.00 horas e durante sesenta minutos, o arquitecto e coordinador da Oficina de Apoio á Rehabilitación do COAG, Eduardo Alonso Lois, abordará hoxe os detalles dun tipo de intervención complexa da que non sempre existe unha información clara e comprensible. Alonso falará desde a necesidade de formulacións globais fronte actuacións parciais, a figura do arquitecto nestes proxectos ou as axudas económicas ás que as persoas interesadas teñen dereito.

 

Fala da necesidade de rehabilitar. Por que? 
Por varios motivos. O cambio climático tennos avisado xa de que estamos a estragar o planeta e niso o sector da construción é moi responsable, porque consome o 30% da enerxía final e máis do 25% das emisións de dióxido de carbono proceden do sector da edificación e da construción. Por outro lado, as construcións nas que vivimos inflúen –probablemente sexa un dos aspectos que máis nos inflúen niso– na nosa calidade de vida, na nosa saúde, e temos un parque de vivendas tremendamente envellecido e de mala calidade. Entón, entre que hai que construír menos e que necesitamos arranxar as nosas vivendas, toca rehabilitar, sen dúbida ningunha.

Cre que a poboación que ten interese está mentalizada sobre a necesidade dun cambio?
Eu penso que si porque son moitísimos os beneficios. Unha vez que se rehabilita, hai un aforro enerxético medible, revalorizamos o noso edificio e coidamos o medio ambiente. Creo que a xente todo isto xa o ten claro, o que pasa é que ás veces a desinformación tamén xera moitas trabas, como a falta de confianza. De todo isto imos intentar falar mañá –por hoxe–: dar explicacións de por que é máis importante rehabilitar integralmente que facer o que normalmente estamos afeitos, por exemplo, con rehabilitacións parciais absolutamente desordenadas ou actuar só cando xorden problemas. Podemos saber que temos problemas, pero agardamos a que unha humidade estea a estropear unha parede para nos decatar de que temos un problema que hai que arranxar. Tamén temos reformas parciais que só abordamos cando hai unha obriga, como unha inspección técnica, pero, se non, facemos como se non nos estiveramos enterando, ou, por último, cando xorde unha necesidade: unha persoa maior que non pode subir os escalóns da entrada. Pero, se non, raramente pensamos o noso edificio desde un punto de vista global para ver que necesidades temos.

 

Unha das demandas ás administracións é que as axudas deben ser máis estables e duradeiras

 

Mellor unha abordaxe xeral...
Sempre. O que pasa cando fas esas reformas parciais é que malgastas os cartos, o tempo e os esforzos porque probablemente con esas reformas parciais que atinxen a un elemento podes estar xerando problemas noutra parte do edificio... Sempre debemos ter unha visión global antes de arrancar coas obras nun edificio, pero tristemente sabemos que non é así.

 

O custe económico é o motivo principal polo que non se abordan as rehabilitacións dun xeito ordenado e global?
Non mo parece. De feito, ao longo do último ano, nun proxecto, RehabilitAcción Ciudadana, entre a Confederación Estatal de Asociaciones Vecinales e o Consejo Superior de Colegios de Arquitectos, nas case 15 reunións que mantivemos os temas económicos nunca se puxeron sobre a mesa. Hai a percepción dun feixe de trabas que fan que a xente lle teña respecto á rehabilitación, pero o económico non apareceu. Ten aparecido o descoñecemento, a complexidade do proceso e das axudas, das licenzas, a multiplicidade de actores que ás veces pode xerar confusións, a temporalidade, os problemas cos sistemas de propiedade... O dos cartos aparece coa xente vulnerable, pero é que á xente vulnerable hai que axudala. Pero, de maneira xeral, o económico non é un tema central.

 

Sempre debemos ter unha visión global antes de arrancar coas obras nun edificio, pero sabemos que non é así

 

A nivel de axudas á rehabilitación, como está Ferrol? 
Unha das demandas da Confederación Estatal de Asociaciones Vecinales  que hai que facer chegar ás administacións é que as axudas deben ser máis estables e máis duradeiras no tempo. Por exemplo, nos Fondos Next Generation houbo convocatorias durante tres anos e, obviamente, estiveron moi ben, pero os tempos e os procesos de rehabilitación son moi longos, por iso teñen que ser axudas de longo percorrido, cun horizonte amplo –unha década, por exemplo– porque, do contrario, cando a xente empeza a estar preparada xa remataron. E eu, a nivel persoal, teño un “pero” tamén: rara vez se fai unha discriminación positiva coa xente con maiores problemas. Como son axudas de concorrencia non competitiva, poden acceder a elas en igualdade de condicións unha persoa á que lle custa atopar a maneira de solicitala e comunidades cunha economía saneada. Temos que ver, polo tanto, que esas axudas cheguen a barrios e a persoas vulnerables.  E programas amplos e de longo percorrido, nos que se saiba de antemán cal vai ser a documentación a presentar; cantos anos e en que meses van saír as convocatorias, canto van durar... Toda esa información é fundamental para a xente de a pé.

 

Ferrol está inmersa nunha dinámica de rehabilitación nos últimos tempos, pero a realidade é que hai moito traballo por facer...
Eu penso que Ferrol é unha cidade imparable. Primeiro, porque é unha cidade amable, que cada día está máis pensada para camiñar, unha cidade con natureza nos barrios, con espazos de encontro e de convivencia e, nese sentido, penso que Ferrol só pode ir para arriba. É certo, como dis, que hai moito por facer, pero tamén é verdade que chegamos tarde; mira Santiago, mira Pontevedra, mira mesmo a Cidade Vella da Coruña, que nos leva anos de vantaxe. Chegamos tarde, é a verdade, pero coido que estamos nunha etapa realmente moi ilusionante. 

Eduardo Alonso Lois: “Ferrol chegou tarde á rehabilitación, pero agora é imparable"

Te puede interesar