Escolares de Secundaria e Bacharelato de Ferrolterra achegaranse xoves da vindeira semana no auditorio de Afundación á saúde mental. Alí, en dúas sesións de mañá, asistirán á representación de “Esas cousas marabillosas”, a adaptación que a compañía Empatía Teatro fai do monólogo do inglés Duncan Macmillan. É a primeira vez que unha peza dramática se inclúe na oferta do ciclo “Educación s. XXI” que desde o ano 2016 ten en marcha a Obra Social de Abanca.
Elisardo de la Cruz –A Coruña, 1975– é o protagonista desta versión que en novembro pasado ateigou o Teatro Jofre cunha fórmula que emprega a comedia (pero tamén a reflexión) como medio para achegarse a unha realidade preocupante e dramática como é a da saúde mental.
“Diría que nós somos capaces de rir de calquera cousa, e sempre é bo poder rir de calquera cousa”, explica o actor. “Se queres desmitificar ou desestigmatizar algo, rir del é boa cousa”, engade.
De la Cruz considera que é “a historia” a que consegue o impacto. “A historia, a empatía e o ambiente que se xera na sala, a través do texto; é o que provoca a risa porque tal e como está contada fai que o protagonista sexa moi humano, moi cercano”, comenta. “Esa proximidade leva a que cando se dan situacións de comicidade o espectador poda rir e cando haxa situacións serias se poña serio”, afirma. “O quid está no texto de Macmillan”, subliña.
“Coido que sempre é bo podermos rir de calquera cousa, porque así a desestigmatizamos”
O texto, si, pero tamén o propio formato da representación, pois é o protagonista o que vai recibindo ao público a medida que entra no teatro ou no auditorio, como neste caso. Ademais de axudalos a acomodarse entrégalles o papel que cada un vai representar. É un espectáculo participativo.
“É normal”, apunta o actor, “que ante unha obra na que o público vai participar a xente vaia cos brazos e as pernas cruzadas. Ademais, cando falamos de monólogo e comedia adoitamos asocialos a outro tipo de espectáculo, como a “stand up comedy”, pero ese non é o obxectivo desta obra. Isto non vai de rir da xente; o humor que facemos é moi branco, e iso relaxa ao espectador e un desde arriba percibe unha enerxía moi importante: tirar abaixo a cuarta parede, como fai este texto, permite ver á xente, as súas reaccións...”.
A diferenza da representación no Jofre en novembro pasado ou antes, en 2022, no Pazo da Cultura de Narón, no auditorio de Afundación todo o público será adolescente, todo un reto.
“Pode axudarlles de múltiples maneiras”, asegura o coruñés. “Primeiro, polo feito de pór diante de todos eles un tema serio e vital como a saúde mental; falar diso dunha maneira aberta diante de todo o mundo, algo que xa é unha axuda para ti mesmo”, sinala, “pero tamén favorecerá que poidan falar da obra cos seus compañeiros e mesmo participarán dalgunha maneira”.
“Na compañía temos moito interese en traballar este tema cos adolescentes”
De la Cruz lembra, nese sentido, que o obxectivo da obra é dicirlle á xente que “un psicólogo é algo parecido a un fisioterapeuta do cerebro e que, polo tanto, igual que vas ao fisio cando che doe un nocello, por exemplo, hai que ir ao psicólogo cando che doe o espírito, a alma, ou cando tes angustia...”.
A todo iso hai que engadir, como beneficio, o feito de que “Esas cousas marabillosas” pode axudar tamén aos docentes a “tratar un tema dunha maneira circundante, é dicir, estamos a falar da obra, non directamente da saúde mental”.
É por todas estas cuestións, lembra o protagonista, que a compañía Empatía ten “tanto interese en traballar con adolescentes, pois os datos de incremento de problemas de saúde mental entre esta poboación son arrepiantes, a pandemia só fixo empeorar esta tendencia e, ademais, pensamos que se algo queremos mudar na sociedade, o lugar no que hai que traballar en primeiro termo é nos rapaces”.