Esmelle celebra a súa feira de Nadal con mercado, andaina, música e exhibición canina

Esmelle celebra a súa feira de Nadal con mercado, andaina, música e exhibición canina
Imaxe dunha das edicións da Feira de Nadal I EMILIO CORTIZAS

Esmelle ábrelle as portas ao Nadal este venres, cunha feira que se celebrará durante toda a xornada no seu local social pero que terá tamén unha ampla actividade ao aire libre.


A feira de Nadal “Val de Esmelle” inaugurarase ás dez da mañá e inclúe venda de todo tipo de produtos, incluíndo artesanía e antigüidades ou obxectos de segunda man. Tamén haberá un posto de venda de polbo. Ao mesmo tempo partirá unha andaina en dirección ao mirador do Pedrouzo. Son doce quilómetros de dificultade media-alta.


Ás doce do mediodía e ás cinco da tarde desenvolverase unha exhibición de cans de pastoreo a cargo de Alberto Suárez, veciño de Covas. Dará paso, ás 17.30 horas, a un obradoiro de felicitacións de Nadal para nenos.

 

 

Xantar e caldo


A partir das sete o protagonismo pasa aos músicos do grupo local Los Lúnicos, función que se acompañará con degustación de caldo galego. Como remate, a partir das 21.30 horas desenvolverase un bingo social.


Tamén é posible xantar en Esmelle, para o que se porán á venda tickets para racións de polbo (15 euros), de churrasco (12 euros) e tamén de callos (por encarga, 10 euros, a través do Whatsapp 629 368 114). 


As actividades están organizadas pola Asociación de Veciños Valle de Esmelle, a Asociación de Mulleres Río D’Aneiro e a comisión de festas.

Esmelle celebra a súa feira de Nadal con mercado, andaina, música e exhibición canina

Te puede interesar