A estadía de Rosalía de Castro en Breamo será recoñecida cunha “figueiriña” filla da súa

A estadía de Rosalía de Castro en Breamo será recoñecida cunha “figueiriña” filla da súa
O percorrido pasou por puntos como as casas de Ramón Regueira, Ramiro Fonte ou o emprego de Xohana Torres | D. ALEXANDRE

O Cortexo cívico de Pontedeume celebrouse onte cun percorrido por espazos da vila vinculados a 10 creadores de renome e foi inaugurado pola banda Charamela.


“Creo que todos os convidados foron amortecendo a choiva e abrindo o día”, expresou Pepe Barro, socio do Ateneo Fernán Martís e o Colectivo Terra, que organizaron o evento xunto co Concello. A pesar das previsións do tempo, o encontro reuniu arredor de 200 persoas e contou con 11 sonados convidados para homenaxear aos ilustres. Un caso especial foi o dos arquitectos Covadonga Carrasco e Xoán Creus, que lembraron a Antonio Tenreiro no mercado municipal que deseñou.


Tamén interviu Silvia Penas, especialista na poesía escénica que recitou na torre de Andrade, tal como o fixera Uxío Novoneyra. Teresa Moure entrou na antiga casa de telégrafos onde Xohana Torres traballaba e escribira algúns versos. Galo Salinas foi honrado pola directora e actriz teatral Casilda Alfaro. Xavier Alcalá conmemorou a Manuel Moares, habitante revolucionario que, segundo Barro, fora moi perseguido durante o franquismo.


Manuel Vilar falou da importancia de realizar historias locais, en relación con Couceiro Freijomil, que redactou a historia de Pontedeume. Fernán Vello leu un poema de Ramón Regueira, que como toda a súa obra, é inédito.


A ruta rematou na praza da Angustia, co recordo de Dores Tembrás a Ramiro Fonte e Xulio López Valcárcel a Luís Pimentel. Pola súa parte, Xosé Luís Axeitos trouxo unha figueira filla da famosa árbore que plantara Rosalía de Castro na súa casa de Padrón.


A fundación que defende o legado da autora distingue lugares que, como esta vila, gardaron relación con ela. O investigador Diego Rodríguez sitúa a estadía de Rosalía na aldea de Vizús, polo que será a fogar da árbore.


“En Pontedeume nunca se deixou de escribir en galego”, conclúe Barro, que valora a posibilidade de seguir pola vila as pegadas da historia da literatura. 

A estadía de Rosalía de Castro en Breamo será recoñecida cunha “figueiriña” filla da súa

Te puede interesar