Hai meses que tiña que ter saído esta entrevista co gaiteiro e investigador Fernando Dopico, pero foise adiando até hoxe por unha serie de circunstancias; unha delas, a inxente cantidade de información que proporciona o entrevistado, “o gaiteiro ferrolán menos ferrolán dos gaiteiros ferroláns”, como dixo o presidente do Toxos e Froles na homenaxe que a institución lle fixo hai case un ano, distinguíndoo co Toxo de Ouro. Velaquí este exercicio de síntese dunha conversa que, pola súa vizosidade, queda para sempre no arquivo deste xornalista.
Leva xa un cuarto de século dirixindo a escola municipal de gaitas e percusión de Xinzo. Como foi esa aterrizaxe?
En Xinzo síntome como na casa porque xa son medio limiao, mesmo na fala. Teño o “corazón partío”. Alí, o galego ten unha implantación maioritaria, mentres en Ferrol escoitas moito castelán, por razóns que son ben coñecidas. En canto ao musical, cando saíu á praza de profesor da escola (1998) tratei de dotar á banda dunha nova formación. Daquela era moi limitada, unha de tantas. Dei cunha canteira moi boa de xente, empezamos a traballar e a renovar o instrumental e en dous anos estabamos no cumio, gañando a liga galega de bandas, no medio do boom da música folk, con Núñez, Hevia, Luar na Lubre e logo Cristina Pato, Seivane... Hevia deu o puntazo con “Tierra de nadie” e Núñez coa “Irmandade das estrelas”.
É que daquela os gaiteiros actuaban moito na televisión...
Hai 25 anos xa existía “Luar” e era un escaparate cunha repercusión tremenda. Antes houbera na TVG outros programas como “Con música propia”, anos en que a cultura tradicional galega viviu un subidón. Cando remata a ditadura, a gaita, o baile e o folklore eran sinais de identidade que todo o mundo asumiu como propios e axudaron a esa creación de país, polo que apareceron grupos de baile e gaiteiros por todas partes. Todo o mundo quería aprender a tocar a gaita; o problema é que en Galicia non había tantos profesores, foi algo caótico. O mesmo coas cantareiras... Núñez e Hevia, e tamén Luar na Lubre, deron un salto cualitativo moi importante: a exportación. De Galicia, Asturias e os centros galegos pasouse a actuar en Francia, Alemaña, Turquía, Israel, Los Angeles. Eu acompañei aos Grammy Latinos de 2001 a Hevia, con quen manteño desde comezos dos 90 unha grande amizade, xusto cando ocorreu o 11-S. Aquel fenómeno foi algo impensable, como o que pasou hai pouco coas Tanxugueiras, que con esa “oportunidade perdida” no Benidorm Fest, malia ser as favoritas do público, todo o mundo, non só en Galicia, estivo a falar delas.
Musicalmente, hai diferenzas entre Xinzo e Ferrol?
Había. Hoxe a gaita está globalizada, por sorte, eh? Hai varios estándares. Igual que a sociedade: hoxe hai unhas canles de comunicación, coñecementos que van dun lado a outro, pero antes eran máis reducidas e os tempos eran máis dilatados. Nos gaiteiros había uns xeitos de tocar e uns patróns de melodías característicos de certas comarcas. Nestes últimos 40 anos o mundo da gaita foise profesionalizando paulatinamente. Daquela non había titulación no conservatorio, nin grao superior; hoxe, si. Pensar que podías vivir da gaita como docente era impensable... A música comezouse a traballar de xeito académico, montáronse agrupacións e bandas no exterior... Globalizouse. Eu era o gaiteiro ferrolán menos ferrolán dos gaiteiros ferroláns, como di Arturo Lamas, porque incorporaba recursos estilísticos e de ornamentación da comarca compostelá, de onde era o meu último gran mestre, Xoán Bello Mallou.
Para facer ben as recolleitas hai que ter coñecementos en diferentes disciplinas, non abonda con poñer unha gravadora: fai falla contexto
É partidario de que cada zona manteña o seu estilo?
Si. Hai unha serie de matices, un xeito de ornamentar e un corpus de melodías moi sinxelas que si pertencen a unha área xeográfica orixinariamente, pero hoxe tócanse en todas partes. Os gaiteiros dos últimos 30 ou 40 anos buscamos recursos que antes non había porque non estaban todo o día tocando. Cando escoitamos a Manuel Lorenzo, Perfecto Feijóo ou Fernández Amor escoitamos cousas moi boas, tocaban o que non tocaba ninguén, pero a nós, hoxe, ese xeito de tocar fáisenos máis accesible.
Ten pena de non poder facer en Ferrol o que fixo en Xinzo?
Francamente, si. Xinzo ten unha vantaxe: é unha escola municipal e a cousa cambia moito. O local e o instrumental son tamén do Concello. O Toxos é un buque insignia da música galega porque ten máis dun século de historia, con moita xente detrás traballando, pero, aínda así, hai cousas que se poden facer en Xinzo que aquí non se poden facer. Alí, ademais, xerouse unha interdependencia con toda a sociedade da bisbarra.
Houbo algún momento en que pensara que o Toxos se acababa?
Si. Hai que ver como estaba o coro hai 14 anos, cunha débeda de 170.000 euros e sen escolas. Cando marchei, no 98/99, en lugar de volver xerar a escola, o que se fixo foi subcontratar. E pasou o que pasou. Hai 14 anos Arturo chamoume para axudalo a levantar o coro, sabendo que era unha empresa da que non sabiamos como iamos saír. Perdín a conta das veces que fun ao xulgado como testemuña polo que iamos atopando. Pensei que si, que de-saparecía porque daquela só había coro, non había instrumentistas... Empezamos con tres, unha rapaza en pandeireta e dous en gaita. Ninguén en baile. Hoxe hai unha participación altísima.
Para ser un bo gaiteiro hai que coñecer moi ben a tradición?
Si. Dicía Ricardo Portela, un gran referente da gaita galega do XX, que “uns saben o que tocan e outros tocan o que saben”. Efectivamente é así. Como profesor intento dar sempre información do que se fai e, aínda así, moitas veces segues a escoitar verdadeiras aberracións, igual que as recolleitas. O lamentable das recolleitas nos últimos anos é que se fixeron de maneira salvaxe. Para facelo ben tes que ter estudos de diferentes disciplinas, non vale con levar unha gravadora. Hai que contextualizar para non confundir unha mazurca cunha canción que gravou Antonio Machín no ano 50. A música transmitíase a través da radio e que a xente cantara un tema de Estrellita Castro era lóxico, mesmo que se adaptara a letra. Mira, nos 90 foramos co Toxos a Abadín e unha das informantes cantounos unha letra na que se falaba de Abadín. Pero a música era unha variante da Rianxeira e a señora, de oitenta e pico anos, asegurábame que iso xa llo escoitara á súa nai. E iso era imposible porque a Rianxeira é un tema de autor –compúxoo Anxo Romero en Buenos Aires dedicado a Castelao– de 1947, gravouno Cantigas e Agarimos nos 50 e logo estendeuse.
Iso de que Ferrol era unha “pequena aldea de pescadores” non é exactamente así. Este porto participou do comercio atlántico
A música é a súa gran paixón, pero tamén é un gran apaixoado da historia.
Si, desde hai moitos anos porque na parroquia onde vivo en Ferrol, Santa Icía de Trasancos, hai un pazo, o Pazo do Monte, e eu tiña relación de moitos anos co dono, D. Ramón Moreno. Un día ofreceume ver o arquivo, escrituras do século XVI, pergameos do XV, que ninguén tocara desde finais do XIX. Estudando toda a documentación vin que iso daba para unha película de Hollywood. Con D. Ramón fun compoñendo e aí tamén interviu André Pena Graña e, de feito, houbo documentación que lle axudou a el para a súa “Historia de Narón” porque os señores deste pazo érano tamén do da Merced en Ferrol Vello e doutras casas solariegas, e tamén eran donos dos coutos xudiciais de Xuvia, Caranza e Santa Icía de Trasancos... A partir de aí fun publicando, como as “Mandas testamentarias” (en Caixa Galicia, 1996), que é a fundación deste morgado da Casa de Mandiá. E así seguín ata o punto de que a día de hoxe son colaborador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do CSIC, no grupo “Historia Social del poder desde la Edad Media”, que coordina a doutora Amparo Rubio. Tamén son membro do consello de redacción de Estudios Mindonienses e do Instituto Internacional de Genealogía y Heráldica. Pero isto é por amor á arte, eu vivo da música. Teño esa sorte.
Cal é a parte da historia que máis lle interesa?
Neste grupo de I+D do CSIC traballo principalmente con fontes documentais da Idade Media, desde o século XII á Idade Moderna. Para FerrolAnálisis publicara un documento en galego precioso que atopei dentro dun preito de 1490 sobre as alcabalas do viño. E no último número (presentarase en breve) van saír documentos inéditos sobre a defensa da Costa Ártabra na segunda metade do XVI, que son documentos do arquivo dos Pita da Veiga que falan de como se constituíu aquí a defensa, é dicir, cos paisanos porque non había exército. Localiceinos hai 20 anos no Pazo de Aranza en Baralla. Teño fotografada parte da colección do arquivo dos Pita da Veiga ferroláns, desde mediados do XIV (unha parte, a outra está dixitalizada no Arquivo de Galicia). A pista deuma “Blasones y linajes de Galicia” de Crespo del Pozo. Collín a guía de teléfonos e dei co seu dono, D. Álvaro Santaló, e aló fun con D. Ramón. Caínlle en graza e pedinlle se me deixaba mirar a documentación do morgado dos Pita da Veiga, do Pazo de Mandiá.
A parte da historia de Ferrol anterior ao XVIII está subestimada?
É que aí hai un mito que ten certo sentido: hai que pensar que a Historia de Montero Aróstegui –pasa algo parecido con Alonso López ou Vicetto– pesa moito no acervo popular. El fixo o que puido e para a época está moi ben. O que atopa é do XVIII en adiante, agás un par de cousas do XVII. El compón en función diso e desa idea da “aldea pequena de pescadores”. Realmente a documentación estaba, pero había que buscala en arquivos familiares, no do Reino de Galicia, en preitos... Hoxe temos moita documentación accesible en internet (Pares, Galiciana etc.) e hai un grupo de historiadores que nos últimos tempos –Alfredo Martín, Pilar Blanco, Manuela Santalla, Eliseo Fernández, por exemplo– forneceron unha visión moito máis axustada da historia de Ferrol. E aí ves que iso da aldea de pescadores era relativo... Claro que non era unha poboación grande, pero houbo unha serie de mercaderes atlánticos que comerciaban con Flandres, Lisboa, País Vasco, etc. Como que vila de pescadores? Ese Ferrol medieval non era tan cativo e formou parte das rutas atlánticas europeas até o descubrimento de América, que o cambiou todo.