O responsable da biblioteca e hemeroteca do Ateneo Ferrolán desempeña un posto dentro da entidade que require dun perfil multidisciplinar, pola particularidade de traballar nunha entidade sen ánimo de lucro coma esta. Fernando Rivera García encárgase, ademais, do proceso de dixitalización que se está levando a cabo, tanto con arquivos escritos, como gravados en formatos como as xa obsoletas cintas.
Este profesional forma parte da segunda promoción de titulados en Biblioteconomía e Documentación no Campus de Ferrol, entre outras formacións. Polo tanto, a súa implicación no ámbito local vén de etapas anteriores á súa entrada no centro cultural.
“Desde o ano 99 desempeñei o meu labor tanto en arquivos, como en bibliotecas, ou en centros de documentación”, explicou Fernando Rivera García. Así, o profesional desenvolveu funcións moi diversas como poden ser a catalogación de publicacións ou a xestión de proxectos de innovación, coma o realizado no CIS Galicia.
Dez anualidades despois, o profesional comezou o seu traballo no Ateneo Ferrolán en decembro de 2009, polo que este mes celebra os quince anos dedicándose a esta entidade. O obxectivo do seu centro de traballo é “focalizarnos na cultura galega e en concreto, na da historia e sociedade ferrolá”, detallou o profesional, que a pesar do interese que poida suscitar entre a poboación, observa certos problemas á hora de comunicar os labores do Ateneo.
Este bibliotecario concretou a apreciación de que gran parte do público que podería formar parte dos usuarios non entran nas instalacións por motivos de falla de información ou, máis ben, por un “coñecemento difuso” sobre os usos que poden facer de este tipo de entidades.
Para poñer solución a estas barreiras, é mester continuar na busca dalgunha fórmula que colabore na implicación das persoas interesadas e difunda os seus atractivos. É o caso da canle de Whatsapp que veñen de habilitar, así como a canle de Youtube que aparte de constituír unha copia de seguridade dalgúns dos vídeos dixitalizados, serve para chegar a máis xente.
Sobre este labor de transferir os documentos físicos ao ámbito virtual, Fernando Rivera considera o seu traballo “moi variopinto e enquiquecedor”, a un tempo que sacrificado, xa que require dun perfil multidisciplinar, unha realidade que el extende a calquera empregado.
A adaptación das tarefas precisas aos recursos limitados dos que dispoñen, supón que amais da biblioteca e a dixitalización a través do escaneo e outro procesado técnico, ocúpese doutras xestións que se precisan no día a día como cambios no mobiliario. Do mesmo xeito, tamén instala exposicións como as que se ofrecen actualmente, de cartelería e de títeres tradicionais.