Ferrol celebra o Día de Galicia cunha ofrenda floral e a música do Toxos e Froles

Ferrol celebra o Día de Galicia cunha ofrenda floral e a música do Toxos e Froles
O acto incluíu unha ofrenda diante do monumento de Xosé Fontenla Leal I M.P.

O Concello de Ferrol celebrou esta mañá, véspera do 25 de xullo, e na Praza do Himno Galego, en Esteiro, o Día de Galicia. Fíxoo coa tradicional ofrenda floral ante o monumento de Xosé Fontenla Leal, persoeiro “clave na creación da Real Academia Galega” e divulgador incansable da cultura galega desde Cuba, país ao que emigrou xunto ao seus país, destacou José Manuel Rey Varela.


O alcalde ferrolán presidiu un acto marcado pola chuvia e que contou coa presenza da corporación municipal; da Real Academia Galega, representada polo académico de número Lourenzo Fernández Prieto; da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; así como de representantes de diferentes entidades da cidade.


O rexedor lembrou tamén na súa intervención a outro ilustre ferrolán, Ricardo Carvalho Calero, así como ao mindonense Pascual Veiga e ao pontecesano Eduardo Pondal, todos eles referentes da lingua e da cultura galega. “Cómpre poñer en valor ás persoas que sentaron as bases da nosa cultura, pero tamén é igual de necesario traballar no presente cunha ollada ao futuro, para seguir mantendo vivo todo aquilo que nos identifica como galegos”, engadiu.


Enxalzou asimesmo a lingua, a música, a arte, o folclore ou a gastronomía como elementos diferenzadores e sobresaíntes da terra galega, poñendo en valor tamén o papel de entidades senlleiras na reivindicación destes valores, como é o caso do Toxos e Froles.

 

Toxos de dani
O Real Coro Toxos e Froles non puido completar a actuación que tiña prevista debido á chuvia I D.A.


A entidade, que vén de actuar en Portugal, onde desde o sábado conta cunha rúa co seu nome en Vila do Conde, encargouse onte de poñer a nota musical nun acto no que, porén, e debido ao mal tempo, non puido desenvolver na súa totalidade a actuación que estaba prevista.


Referiuse tamén Rey Varela á Semana Santa, ás Pepitas ou ao patrimonio ferrolán, dos que asegurou que “eles son tamén os mellores embaixadores da cultura ferrolá e galega por onde pasan”. O alcalde da cidade reivindicou ao mesmo tempo o galeguismo integrador “como fío condutor da defensa da nosa cultura e da nosa lingua”, asegurando que “desde Ferrol defendemos unha Galicia plural na que todos cabemos”, para rematar a súa intervención desexando un feliz Día de Galicia a todos os presentes. 

 

Mañá asistirá aos actos da Ofrenda ao Apóstolo Santiago na Praza do Obradoiro. Hoxe, antes do acto da ofrenda floral, Rey Varela recibía no Concello a Lourenzo Fernández, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. Ámbolos dous coincidiron na necesidade de enxalzar a figura do ferrolán Xosé Fontenla Leal.

Ferrol celebra o Día de Galicia cunha ofrenda floral e a música do Toxos e Froles

Te puede interesar