A Área Sanitaria de Ferrol abre un Hospital de Día de Pediatría, no terceiro andar do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, onde se sitúan tamén as consultas externas de Pediatría.
O novo Hospital de Día pediátrico, activo dende este martes, trátase dun “entorno seguro para realizar probas de certo risco, pero cun ambiente amable e específico para os máis pequenos”. Como indica o responsable do Servizo de Pediatría, José Luaces González.
“as claves serán a especificidade, a seguridade e o confort, cun equipo dedicado exclusivamente a isto”.
Un hospital de Día Pediátrico é unha modalidade asistencial “a medio camiño entre a o hospitalización e o tratamento ambulatorio”; onde se realizan, entre outras cuestións, probas diagnósticas máis complexas, e que hai que facer no ámbito hospitalario, pero sen ter que chegar a ingresar.
Esta nova modalidade asistencial para a Área Sanitaria de Ferrol “aporta ós pequenos e ás súas familias dispoñer dunha prestación con tódalas garantías dunha hospitalización pero sen as desvantaxes desa hospitalización, e nun espazo deseñado e feito para eles”, afirman dende o Servizo de Pediatría. “É un salto importante para o paciente pediátrico crónico”, subliñan.
Pola súa banda, para os e as profesionais do Servizo, implica “poder sacar este tipo de actividade da hospitalización ou da consulta externa ordinaria”, xa que ten medrado o número de pacientes crónicos complexos, grazas á supervivencia dos grandes prematuros e dos pacientes oncolóxicos, ou por mor dos que teñen enfermidades conxénitas do metabolismo, e así, aglutínanse nun ámbito propio.
Trátase dun servizo a medio camiño entre a hospitalización e o tratamento ambulatorio.
O perfil do neno ou nena que pasa por este dispositivo é amplo, dende un paciente crónico que acode pór unha medicación de xeito regular, ata pacientes con probas de tolerancia, ou un paciente infantil cun proceso agudo, como o control dun traumatismo.
A modo de exemplificación, prodúcense, entre outras moitas cuestións, a monitorización para detección de reaccións a test funcionais de alerxias; probas de tolerancia alimentaria; administración de medicación complexa ou biolóxicos; sedoanalxesia para técnicas de rehabilitación; ou atención de curas de queimaduras ou traumatismos, por mencionar algunha delas.
Outro dos perfís dos e das pequenas usuarias deste novo dispositivo son os recente nados, os lactantes que se van de alta de hospitalización pero que precisan dalgún tipo de control posterior á súa marcha para o domicilio. De feito, o tramo da primeira hora de atención dedícase a este perfil a modo de consulta de alta resolución.
“O Hospital de Día actúa como unha prolongación do tempo de hospitalización pero sen que o neno estea ingresado”, describe o responsable de Pediatría, José Luaces.
Ata o de agora, eses nenos eran atendidos no ámbito da hospitalización de Pediatría no Hospital Arquitecto Marcide, pero sen ser necesaria a súa hospitalización propiamente dita, senón só ter preto os recursos humanos e técnicos ante calquera necesidade asistencial durante a súa estadía.
A media de tempo necesaria de atención destes nenos é de entre 2 e 6 horas, segundo o caso e técnica, polo que este novo espazo habilitado no Hospital Naval ofrece un ámbito propio, e humanizado de xeito específico, para fuxir das características propias da hospitalización convencional.
Recursos para os máis pequenos Tense contratado a unha profesional de Enfermaría e unha Técnica de Coidados Auxiliares de Enfermaría para a activación deste novo dispositivo asistencial. Xunto con estas profesionais ocuparase do mesmo tamén un ou unha pediatra do Servizo. Será entre as 08:00 e as 15:00, de luns a venres. Por este novo Hospital de Día Pediátrico estímase que pasen entre 6 e 10 nenos ó día, segundo a xornada.
Este Hospital de Día conta con tódolos recursos novos como tres camas, seis cadeiras de brazos, e equipamento sanitario diverso para unha monitorización completa e asistencia integral dos máis pequenos, indican dende Pediatría. Todo distribuído en diversos espazos individualizados pero comunicados para facilitar a convivencia e benestar de tódolos nenos e as súas familias. Para poder activalo neste andar terceiro do Hospital Naval, foi necesaria unha obra previa na que a Área Sanitaria de Ferrol investiu máis de 47.000 euros. Xunto con isto, os empregados de Pull&Bear doaban máis de 64.000 euros, destinados a esta e outras accións, grazas unha iniciativa de recadación solidaria no Nadal organizada na sede desta marca do Grupo Inditex para a humanización e complemento da dotación deste dispositivo.