A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto á xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente, coñeceu esta mañá, nunha visita ao recinto feiral de FIMO, o desenvolvemento da campaña de vacinación fronte á gripe e a covid que a Consellería de Sanidade puxo en marcha en grandes recintos o pasado 30 de outubro.
Dende o inicio da campaña ata este mesmo luns foron administradas en FIMO 8.192 vacinas. Aneiros lembrou que o obxectivo da campaña é o de protexer aos colectivos máis vulnerables -persoal sanitario, nenos, mulleres embarazadas e persoas con condicións de risco- e alcanzar as máis de 68.000 persoas de 60 ou máis anos vacinadas ó final da campaña.
Avanzou ademais que a poboación maior de 60 anos xa vacinada na Área Sanitaria de Ferrol supera xa o 31,4%, unha cifra que se eleva ao 45,07% no caso de nenos de entre 6 e 59 meses, cuxa vacinación continúa estes días nos centros de saúde.
Durante a visita, na que tamén estiveron presentes a directora de Enfermaría da Área, Isabel
Turnes Cordeiro, e a subdirectora de Enfermaría, Begoña Vidal Maroño, Aneiros remarcou que de
forma paralela á vacinación do tramo de idade entre os 79 e os 70 anos que están sendo convocado estes días en FIMO -nunha segunda fase vacinarase o colectivo de 60 a 69 anos-, os profesionais de Enfermería da Área traballan tamén en recuperar a vacinación das persoas de distintos grupos que por diversos motivos non puideron recibir a vacina no momento correspondente ao seu colectivo.
Agradeceu a participación da poboación na campaña e moi especialmente aos profesionais de
Enfermería “fundamentais para levar a vacinación prevista de 1.300 persoas ao día”, dixo.
Xunto á poboación xeral, estes días levouse a cabo tamén a vacinación de profesionais sanitarios e
sociosanitarios de institucións non Sergas, como persoal de clínicas ou de empresas de coidadores, por exemplo, segmento no que foron convocadas 1.800 persoas.
Por último animou á cidadanía a seguir sumándose á campaña de vacinación conxunta fronte á gripe e á covid-19 que se estendera até o vindeiro 31 de decembro. As citacións estanse levando a cabo a través de mensaxes de móbil SMS.