Fondo pesar en Fene e comarca polo pasamento de José Ardá

Tíñaselle un cariño inmenso na parroquia de Limodre, onde deixa un baleiro oceánico
Fondo pesar en Fene e comarca polo pasamento de José Ardá
Ardá, coa cámara ao ombro, en Casa Ardá | CEDIDA

Na mañá de onte, ao redor das 9.00 horas faleceu José Ardá, coñecido hostaleiro da parroquia de Limodre, en Fene, último representante dunha saga familiar con máis dun século de adicación ao comercio, bar e restauración.


Ardá, que acababa de cumprir 53 anos o 21 de xuño, pechou o seu local Casa Ardá hai un par de anos cando se lle detectou un cancro incurable. Hostaleiro singular, era unha personalidade polifacética. Foi un gran xadrecista (comezara a súa traxectoria no club Mestre Alonso Leira de Pontedeume) e un excelente fotógrafo que adoitaba retratar desde amizades a cogomelos ou estrelas e, singularmente, ao festival local de música (antes Felipop, na actualidade Felicia Pop Festival).

 

De feito, algún ano ilustrou coas súas imaxes o cartel do evento. A maiores, moitos dos grupos nacionais e internacionais que participaban na cita de Limodre despedíanse cun concerto no seu local, decorado con carteis de películas proxectadas hai anos no cinema familiar Rosales, contiguo ao seu negocio. 


O inmenso cariño que se lle tiña na parroquia fenesa, onde deixa un baleiro oceánico, fixo que ao pouco de saberse a mala noticia numerosas persoas manifestasen en persoa e nas redes o seu cariño e pena por tan triste perda a súa viúva Carmen, familiares e coñecidos. 

Fondo pesar en Fene e comarca polo pasamento de José Ardá

Te puede interesar