A “Furgoteca” do IES Canido ponse este martes de novo en marcha para agasallar cun libro aos veciños e veciñas que o desexen. A iniciativa, que se materializou o curso pasado, é unha idea das profesoras Lidia Beceiro, Encina Fra e María José López, que xunto co alumnado de 2º e 3º da ESO e de 1º de Bacharelato concibiron unha maneira de “darlle unha segunda vida aos libros que temos na biblioteca e que xa non imos utilizar máis por diferentes motivos”, explica Beceiro.
Esta doazón faise ao aire libre e nas inmediacións do centro. Arredor dun cento de títulos repartiranse desde as 11.20 até as 13.00 horas polas rúas do barrio alto entre a xente que o desexe. “Saímos pola zona próxima ao instituto coa nosa Furgoteca, que é un carriño tuneado no que levamos os libros”, engade a docente.
Nesta edición participan vinte e dous rapaces e rapazas destes tres cursos que esperan cumprir a misión proposta: evitar que eses volumes rematen nun colector e atopar unhas mans que lles dean outra oportunidade, pois os libros usados son, ademais, libros con historia.