Gloria Pavía: “Ten que haber programación e que inclúa tamén a xente nova”

Gloria Pavía: “Ten que haber programación e que inclúa tamén a xente nova”
Gloria Pavía, que se ocupa da voz, realiza os seus concertos en directo xunto ao baixista Rafa Morales | CEDIDA

A artista multidisciplinar Gloria Pavía ven por primeira vez dende Santiago de Compostela, a terra onde se consolida como música, a dar un concerto en Ferrol. En formato de dúo xunto ao baixista Rafa Morales, esta noite de xoves presentan os seus temas de composición propia no Centro Cultural Torrente Ballester, ás 21.00 horas, nunha sesión enmarcada no programa “Os Xoves da Capela”.


O estilo é difícil de encadrar, aínda que Gloria Pavía adoita encaixalo no amplo espectro da canción de autora, que se dilúe co pop. Rafa Morales ven do jazz, un xénero que Gloria tamén leva anos estudando na Escola Estudio, na que cursa as disciplinas de voz e baixo eléctrico. 


“Novas flores” é o primeiro EP de Gloria Pavía, que gravou có guitarrista Dani Liñeira. Ao non poder estar presente, nos directos interpretan temas que se adaptan ao formato de voz e baixo, con letras e músicas compostas tanto pola cantante como por Rafa Morales. Ademais, nunha das cancións que inclúe este álbum, “Migas de pan”, colabora o saxofonista Juan Peñas.


Este traballo co que inaugura a súa produción, compila pezas que tratan tanto sobre flores silvestres coma sobre o tema do amor, recurrente para Pavía, que se considera unha romántica. Ademais, advirte que o estilo no que encadra tanto o proxecto musical coma o álbum difire por completo da experiencia que ofrecen ao público nos directos.


Así mesmo, adoitan facer versións de cancións do seu gusto, poñéndolles letras en galego, como é o caso do coñecido standard de jazz “My Funny Valentine”. A través dun evento organizado por Compostela Somos Cultura, o dúo reinterpreta a obra, que se pode ver nun vídeo gravado na libraría Komic.


As inquedanzas da artista comezaron coa súa entrada no centro de ensino musical en 2012, cando tiña 11 anos. Non obstante, o compromiso adquiriu máis seriedade cando empezou a asistir aos eventos da capital galega “porque había xente da miña escola que eu admiraba moito porque tocaban moi ben e me sacaban poucos anos”, indica Pavía.


O que inspira á creadora é o que está ao seu redor, en concreto as persoas, “e o que me da ganas de compoñer son os concertos”, declara. “Aquí case todas as noites hai algo” e ao estar constantemente somerxida na escena compostelá “chego a casa superinspirada, pensando que todo o mundo mola moitísimo e que eu tamén quero facer cousas”, expresa Gloria Pavía.


En relación á oferta cultural, a compositora aproveitou para reivindicar que “ten que haber programación e que nela se inclúa tamén a xente nova”. Para Gloria Pavía, é importante que se proporcione a oportunidade, en especial aos artistas emerxentes, de actuar en directo ás persoas que se dedican á música, de maneira que a ausencia dun espazo onde tocar non xere frustración, dada a inversión de tempo que require o proceso de crear e ensaiar temas.


“Mola moito que se lle de unha oportunidade á xente que está empezando porque é o futuro”, concreta a protagonista. Pavía tamén sinalou a necesidade de facilitar o acceso á información sobre os programas culturais, xa que ten a sensación de que, en numerosas ocasións, existe unha gran oferta da que non se ten constancia. “Moitas veces vexo nos concertos que eu baixo moito a media de idade e dáme moita rabia porque sei que a música en directo pódelle interesar a moitísima xente”, manifesta Pavía.


A labor da música harmoniza,   en varios sentidos, coa súa outra grande paixón e a relación destes dous universos semella inseparable. Esta profesional polifacética adquiriu a súa afección polo deseño a partir da súa predilección polo cómic “de toda a vida”, explica Gloria Pavía.


Todo o traballo gráfico do disco “Novas flores” foi elaborado pola mesma artista que pon a voz. Da mesma maneira, unha das tarefas que máis disfruta Gloria Pavía neste eido é a creación de carteis, que por suposto, en moitas ocasións aproveita para anunciar os seus propios concertos.

Gloria Pavía: “Ten que haber programación e que inclúa tamén a xente nova”

Te puede interesar