O goberno local de Cedeira solicitou á Xunta de Galicia unha subvención que permitirá cofinanciar a creación dunha nova zona verde e de lecer nunha parcela situada na rúa Silva, nas inmediacións das chamadas “Casas Baratas”. A intervención, segundo explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, vai rexenerar un espazo actualmente degradado e desaproveitado para convertilo nun espazo de encontro. “Esta é outra actuación dirixida a facer de Cedeira un lugar máis amable para os veciños e veciñas, especialmente para as persoas maiores, que adoitan compartir as tardes nos parques da vila cando a meteoroloxía o permite”, explicou o primeiro edil.
O presuposto de execución ascende a 60.457 euros e a subvención solicitada á Xunta, no marco
dun programa para a mellora de infraestruturas e servizos municipais, ascendería a 40.000 euros. A intervención proxectouse para unha parcela con forma de triángulo que está no número 26 da rúa Silva, precisamente onde se bifurca a rúa principal coa travesía do mesmo nome.
En total son 73 metros cadrados nos que se prevé plantar vexetación e árbores e colocar unha zona de bancos, cunha estrutura de cuberta parcial para facer máis confortable o tempo de lecer que pasen alí os veciños, protexéndoos tamén da choiva ou o sol. Así mesmo, haberá un aparcamento de bicicletas e se renovarán as beirarrúas existentes, proporcinándolles un ancho que garanta unha boa accesibilidade para os peóns, como informan desde o consistorio local.
Na base do “triángulo” no que se vai actuar está a fachada cega dun edificio. O proxecto contempla utilizala para pintar un mural artístico, unha nova obra de “street art”, que será consensuada cos propietarios e inquilinos de dito inmoble por parte do Concello de Cedeira.