O grupo do Carvalho Calero marca un fito coa estrea de Villalta que volveu ao Jofre

O grupo do Carvalho Calero marca un fito coa estrea de Villalta que volveu ao Jofre
O IES Carvalho Calero e o Xan Viaño adoitan colaborar en diversos proxectos como os recitados de poesía | CEDIDA

A representación de “O paseo das esfinxes”, unha peza de Luísa Villalta, enmárcase nas xornadas de Teatro con G, que continúan até o próximo mes. Esta función veu da man dos alumnos do IES Carvalho Calero, acompañados por músicos do Xan Viaño, rememorando así unha historia que comezou hai máis de 30 anos.


Nesta obra que se desenvolveu onte colaborou a profesora do conservatorio Alexandra Pita para xestionar o acompañamento musical en directo. A asociación é habitual, debido ao Bacharelato de Artes Escénicas, Música e Danza que se ofrece no instituto. As melodías foron compostas especialmente para esta peza por Paulino Pereiro, que fora parella de Luísa Villalta e profesor no Carvalho Calero. Este foi o enlace que posibilitou a asistencia da autora homenaxeada no Día das Letras, á estrea da súa creación.


Un xornal da época rexistra a actuación de 1993, no colexio Lestonnac, pola ausencia, por aquel entón, dun escenario no Carvalho. Foi xusto un ano antes das primeiras xornadas de teatro da Coordenadora de Normalización Lingüística. “Teño que agradecervos eu a vós porque é a primeira vez que se representa”, retransmite Pim Patinho, que fora unha das responsables da idea, xunto a Pilar Fernández, antiga profesora de filosofía. Así pois, que este ano o ciclo de Teatro con G, de carácter escolar, se realice no Jofre “é todo un luxo”, declara Patinho.


Esta profesora de Lingua e Literatura, agora xubilada, dirixiu o grupo de teatro, que deu en chamarse Tixuca, durante gran parte da súa historia. Aínda así, participou deste acto, dada a súa experiencia coa autora, que tamén acudiu interesada aos ensaios e achegou as súas expectativas e visión dos personaxes. A pesar do apoio, este curso colleu o relevo da dirección do colectivo amador Lorena Calaza.

 

“O paseo das esfinxes”

Esta é unha obra de carácter moi simbólico, que conta a historia dunha muller en tres etapas da súa vida e utiliza o concepto evocador do paseo das esfinxes.
A primeira parte protagonízaa unha nena, despois aparece a moza a punto de casar e por último a vella. Todas elas baixo a mirada inconformista da autora.

O grupo do Carvalho Calero marca un fito coa estrea de Villalta que volveu ao Jofre

Te puede interesar