A Asociación Cultural Buxainas de Cedeira convida esta tarde, ás 19.00 horas no parque de San Isidro, á terceira edición do Festival Infantil de Baile e Música Tradicional. Ao encontro virá dende Ortigueira o grupo Troula do Ortegal de San Adrián de Veiga e dende Euskadi o Elai-Alai Dantza eta Musika Taldea de Portugalete.
Esta visita enmárcase nos intercambios que adoitan realizar, polo que o colectivo cedeirés viaxará o ano que vén ao País Vasco para actuar con Elai-Alai. “Pareceunos unha oportunidade moi boa para que os nenos coñezan o folclore doutros sitios e tamén para que poñan en valor o noso”, indica Silvia Picos, mestra de danza tradicional de Buxainas. Asimesmo, a responsable destacou a relevancia das convivencias que se realizan a través dos intercambios, que continúan moitas veces nas redes sociais.
A organización, que cumpre 30 anos de actividade e funcionamento ininterrumpido, conta que participen no evento máis de 150 nenos de 10 a 14 anos. A asociación conta con máis de 100 socios, incluíndo aos pequenos, aos que dán clase a partir dos tres anos, ademais dos adultos. Buxainas imparte aulas de pandeireta, gaita, percusión ou baile tradicional, aparte doutras formacións que realizan eventualmente e outros festivais ao longo do ano, tamén cos grupos maiores.