Guadi Galego: “Temos que desmitificar o concepto de éxito en termos de cifras”

Presenta en Ferrol "Síntese Horizonte", un espectáculo para teatros
Guadi Galego: “Temos que desmitificar o concepto de éxito en termos de cifras”
Guadi Galego actúa o día 27 no Jofre I Cedida

O regreso de Guadi Galego –Cedeira, 1974– aos escenarios terá unha parada no Jofre. Será o día 27 cando presente –20.30 horas– un espectáculo novo, “Síntese Horizonte”. Terá unha banda creada ad hoc (con Guillerme Fernández, Rubén Iglesias, Isaac Palacín, Álex Fernández e os coros de Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Giménez) e unha concepción diferente ao anterior. “Está pensado para teatros, para gozar desde a butaca”, explica. 

Volve aos escenarios logo de máis dun ano de ausencia, aínda que sexa relativa, pois reaparece cun novo espectáculo... 
Eu son unha artista un pouco atípica. A xente normalmente saca un disco e un espectáculo con el e ás veces fai dúas xiras entre disco e disco, pero eu neste caso saquei un disco, “Roibén” e non o xirei en Galicia. Tiven tempo de pensar moito cara a onde quería levar este “Síntese horizonte”. Aquí hai, polo tanto, moitos temas de “Roibén”, mais tamén cancións revisitadas e versionadas e outras que xa estaban en “Costuras”.

 

Como se fai para sobrevivir tantos anos ás modas? 
Esa é a gran pregunta! (ri) Unha, que nunca estivo de moda...

 

Ou sempre... 
Non. Primeiro, son unha persoa con sorte porque é certo que hai algúns temas da miña música que transcenderon a vida da xente ou a idiosicrasia do país, a pesar de ser cancións de autora. Tamén penso que son unha muller honesta e moi traballadora: o meu é pico e pa, cuns principios claros que intento seguir e que ás veces son moi duros. Ás veces pregúntome se aguantarei moito máis, pero polo de agora aquí estou.

 

E nestes tempos que corren para a música...
É que non podemos medilo todo coa nosa vara. Hai circuítos diferentes. O meu non é o circuíto das masas. A cuestión é onde se quere situar unha, onde encaixa. É importante saber que iso é así e que foi así sempre. Milli Vanilli non cantaban e petárono! As cousas cambiaron e eu non xulgo: cada persoa ten que atopar o camiño que a fai feliz e, sobre todo, desmitificar o concepto de éxito en termos de números e miralo doutro xeito, en clave de calidade persoal. É dicir, que queres facer? Queres facer iso?

 

Séntese un referente para os músicos máis novos? Eles dino así. 
Ultimamente perségueme esa palabra e, por un lado, síntome superagradecida. Tantas veces que o vexo escrito dáme un pouco de vertixe porque non me sinto referente de nada. Sigo en constante aprendizaxe, sigo aprendendo de todos os novos. Non só os novos aprenden dos vellos; os vellos tamén aprenden dos novos. No que podo sentirme referente é no traballo, en intentar abrir camiño para as que veñan atrás. Non creo na individualidade.

 

Como definiría o momento que está a vivir a música galega? 
Estamos a vivir o momento da década, sen dúbida. Como levo tantas, teño comprobado que hai un por década, máis ou menos. O primeiro foi a mediados dos 90 con aquel éxito de Carlos Núñez, logo houbo anos moi escuros, un novo rexurdir menos potente hai algo máis dunha década e agora estamos vendo una época marabillosa que nunca pensei vivir, que é o momento de exaltación e de amor propio que había tempo que non tiñamos. O ideal é que isto se traducira nunha diversidade escénica real, que non só sexa para unha parte da música galega. Fáltanos diversificar un pouco a escena: quen teñan que petar e encher os coliseos, que o fagan, e que outros poidamos encher teatros, auditorios ou salas máis pequenas; que cada un poida estar no sitio que lle toca. A min, evidentemente, tócame encher teatros, non me vai tocar encher coliseos. E para min é marabilloso encher teatros, como para outros será petalo nas salas, sempre desde a dignidade.

 

Cando comezou con Berrogüetto pensaba que podía estar agora como referente para os novos e en plenitude creativa? 
Nunca souben o que ía pasar. Cando estaba en Berrogüetto foi todo unha carambola. Con eles fixen un máster; eu non sabía nada, era unha persoa con moito ímpeto, con moita enerxía, e boteime para diante. Se nunca pensei estar aquí? Home, xa estiven mellor en Berrogüetto, non sei se me explico. Con Berrogüetto percorrín medio mundo, enchendo salas por Alemaña e Europa adiante. Vivín unha historia que non vou volver vivir, pero xa non me corresponde vivila; agora correspóndelle vivila a outras persoas. Eu son feliz así.

Guadi Galego: “Temos que desmitificar o concepto de éxito en termos de cifras”

Te puede interesar