Guillermo Llorca: “Ata que non comecei a traballar coa ficción non puiden constatar que si, que existe a maxia da escrita”

O escritor ferrolán presenta o xoves 24 a terceira entrega da historia de intriga, espionaxe e amor protagonizada por Amalita Fernández e Thomas Laughton e con Ferrol –aínda que tamén Reino Unido e Bos Aires– como pano de fondo; desta volta, a acción desenvólvese entre os anos 1955 e 1964
Guillermo Llorca: “Ata que non comecei a traballar coa ficción non puiden constatar que si, que existe a maxia da escrita”
Guillermo Llorca

“La espía errante. Red Araña” (Publicaciones Arenas) é o título da terceira parte da historia de intriga e amor coa que o historiador Guillermo Llorca se estreou no eido da novela en 2021. O xoves 24 de abril preséntaa ás 19.00 horas en Exponav e o sábado, na Feira do Libro, asinará exemplares, ao mediodía, na caseta da Central Librera da rúa Real.

 

Terceira entrega das intrigas de Amalita Fernández e Thomas Laughton, e final aberto. Haberá máis?
Lanceime a esta aventura literaria coa primeira novela, “Cuando estalló la noche” –que afortunadamente tivo moi boa acollida e vai pola terceira edición– e, case sen pensalo, vinme embarcado na segunda e, dous anos despois, ve a luz a terceira. Non houbo un proxecto inicial, aínda que as tres teñen un final aberto, mais non foi intencionado para poder darlle continuidade.

 

Que foi logo o que determinou unha nova entrega despois da primeira e a segunda?
A historia foi tirando. Ás veces case dunha forma automática. Cando rematei a segunda vin que podía darlle continuidade con contextos históricos que nas miñas novelas están moi marcados –eu considérome historiador, non escritor–, de tal xeito que se na primeira era a voadura do polvorín de Caranza, na segunda érao a chegada de tropas estadounidenses a Ferrol coa intención de trazar un plan de instalar unha base naval na Graña. Nos dous casos teño que agradecer ao meu colega Enrique Barrera as súas investigacións. Agora, o terceiro contexto vén dado pola traxectoria vital do personaxe principal, Amalita, que foxe de Ferrol cara a Bos Aires, onde ten familia e onde se vai producir outra viraxe relacionada coa Guerra Fría e co axuste de contas cos responsables do nazismo e dunha trama que facilita a súa fuxida de España e de Europa para atopar acougo en Arxentina baixo o manto de Juan Domingo Perón.

 

 

 

A protagonista vai evolucionando ao longo das entregas. Como a dotou de tanta personalidade e complexidade?
En todas as entregas está reflectida a situación de machismo que existía, pero tamén é verdade que con respecto á primeira vai adquirindo experiencia. É unha muller formada, proxectista na Bazán, que se namora de Thomas e logo, cando rompen, dun aristócrata británico ao servizo da Unión Soviética, pero tralo asasinato do xefe da Policía Local vese na obriga de fuxir. Ao longo desa historia, ela vai evolucionando: máis autónoma, máis crítica, máis machacada pola existencia, os desenganos amorosos... Como a vida mesma, que vai pesando. Con todo, sempre hai unha esperanza para ela, como lle ocorre tamén en Bos Aires.

 

Este tipo de novela pode ser unha ferramenta moi útil para coñecer a historia propia e tamén a universal?
Aurora Vázquez dio na presentación da novela. É verdade que mostra Ferrol, pero non a través dun libro de texto, senón dunha historia novelada. Creo que unha das razóns do éxito da boa acollida das dúas entregas anteriores  é que para a xente dunha certa idade aí está o Ferrol da posguerra, a vida cotiá que, como ben sabes, é un tema que sempre me interesou e que está latexando.

“Non houbo un proxecto inicial para darlle continuidade á primeira historia, aínda que tanto esa como as que viñeron logo tiñan un final aberto”

Outra das cualidades que resaltan as asinantes do limiar, Aurora Vázquez e Ánxeles Seoane, é a linguaxe cinematográfica do texto, unha característica que xa estaba presente nas novelas anteriores. 
Eu son moi cinéfilo e trato de facer un tipo de novela que non sexa liñal, senón máis complexas na súa estrutura. Hai personaxes inspirados en actores, por exemplo, e o ritmo narrativo bebe moito do cinema: xiros de guion, os  flashbacks... É unha linguaxe moi cinematográfica.

 

Unha das cualidades máis destacadas é que o lector ou lectora pode achegarse a esta historia na terceira entrega e, a través dela, ir coñecendo o contido das anteriores, e con fluidez. 
Esa era a idea. Eu sempre digo que este tipo de novela con 40 anos é moi probable que non o puidera escribir. Non tiña o coñecemento que teño hoxe do Ferrol que está reflectido nelas, por exemplo. O que si teño constatado é que no proceso xorde a maxia da escrita, algo que non vivín ata que me puxen cos primeiros libros de relatos: séntaste cunha idea e o teclado vaiche levando por outro camiño distinto.

“O personaxe de Amalita evoluciona desde a primeira entrega: é máis autónoma, máis crítica, máis machacada pola vida e os desenganos”

Prefire improvisar ou segue escrupulosamente o guion?
Teño un guion, si, e nesta novela, por exemplo, tiña claro o título e o sustento histórico, que obriga a dotar o texto, a novela, dunha coherencia para facelo crible. Pero logo está a outra parte. Lembro as columnas que Manuel Vicent publicaba en El País, especialmente unha delas na que dicía que estaba moi ben ler os grandes escritores, pero tamén mesturarse co que acontece na rúa. Por exemplo, unha pintada pode ser moi inspiradora, ao igual que as informacións nos xornais locais. Non fago un guion moi pechado: son quen de rematar o último capítulo sen acabar o anterior, sempre tendo presente o conxunto, a globalidade.

 

Haberá unha cuarta parte?
Non o pensei aínda. Esta, como as primeiras, tamén ten un final aberto. Pode ser. Hai algunha lectora que me dixo que tiña que chegar polo menos á ducia, pero coido que iso xa me vai coller un pouco maior...

Guillermo Llorca: “Ata que non comecei a traballar coa ficción non puiden constatar que si, que existe a maxia da escrita”

Te puede interesar