“Os reis e as raíñas de Galiza” é o título do libro que mañá mércores presentan no Antigo Hospicio dous dos seus autores, Alexandre Peres e Héitor Picallo, que, canda Ramón Meilán, escribiron un texto que reivindica unha parte da historia de Galicia pouco coñecida. O acto, que organiza a sociedade cultural Medulio, principia ás 19.30 horas, con entrada libre.
Que aspectos abordarán na presentación de mañá?
Daremos unhas pinceladas sobre o contido do libro que publica Sermos Galiza, facendo sobre todo fincapé nas lagoas que existen con respecto á monarquía en Galiza, fundamentalmente aqueles episodios máis escuros. No que afonda Alexandre Peres é na época xermánica e altomedieval, desa época de San Rosendo de Celanova cara atrás, subliñando que a documentación antiga sempre fala de Reino de Galicia e non fala de Reino de Asturias nin de Reino de León, sobre todo nesa época. Logo, a partir de aí, si aparecen estas denominacións, aínda que moitas veces os monarcas falaban de rei ou raíña “de Galicia e dos leoneses”.
E a súa parte?
Tocarei sobre todo desde a época de Urraca, que basicamente quen goberna aquí é o seu fillo Afonso VII, de Caldas de Reis, até Xoana a Beltranexa. Tamén abordarei algún episodio de intento de unión de Galiza e Portugal xa na época da independencia de Portugal e mesmo no século XVIII, que houbera outra tentativa nese senso por parte da Coroa portuguesa. Tamén falarei de Xoán de Gante, cando reivindica o trono galego e instala a súa corte en Compostela e como as distintas cidades o van aceptando como monarca. Tres cuartos do mesmo vai pasar con Fernando I de Portugal, que tamén reivindicou o trono cando Henrique de Trastámara non conseguira Galiza –1369– e acuñou moeda na Coruña. É dicir, hai moeda galega acuñada por un rei portugués que se dixo rei de Galiza, polo menos até o ano 1372. Hai tamén varios intentos de gobernar o país, entre eles o do Príncipe de Gales, irmán de Xoán de Gante, e outros, como Xoán de Tarifa, que case nunca se observou que fose rei galego e hai documentación abondo para saber que o fora durante cinco ou seis anos, coroado en León en 1296 como rei de Galicia, León e Sevilla. Resaltarei tamén que nos seus séquitos, cando se achegaba ás distintas cidades e vilas, levaban os seus intérpretes, aínda que a propia Constanza de Trastámara, a filla de Pedro I, falaba perfectamente galego, porque así aparece nun episodio das Crónicas de Froissart, indicando que ela se revirou á xente de Betanzos e faloulles en perfecto galego.
Son episodios que pouca xente coñece e que revelan un pasado diferente.
Entre outros, nesta nova visión foron pioneiros Anselmo López Carreira ou Francisco Rodríguez, que deu probas evidentes de episodios que non se tiñan en conta... Agora hai catedráticos da USC que xa non renuncian a falar dun Reino de Galicia cando antes non era así... O reino primixenio foi o galego, que emerxía dos suevos ou da Gallaecia, se queremos. Agora temos moito acceso a crónicas francesas e inglesas, a documentación en bibliotecas e mesmo en sagas nórdicas... Vemos que se nos intentou ocultar todo o que foi a importancia dun territorio que en certa maneira era xa destacado desde o punto de vista espiritual polo Camiño de Santiago, desde o punto de vista cultural pola lírica trobadoresca ou desde o punto de vista do poder por familias como os Castro, os Lemos etc. E isto derivou nun escurecemento total no seu momento e cando se falaba de galeguismos na literatura española a escola filolóxica de Madrid falaba de occidentalismos, como se dicir galeguismo (no caso de morriña, por exemplo) fose algo negativo.
Para ter un coñecemento máis preciso da historia de Galicia cómpre achegarse máis ás fontes estranxeiras? É máis fiel a imaxe que transmiten esas crónicas e esa documentación?
Todo é compatible, o que pasa é que moitas crónicas españolas falan desde a visión do gañador, e non do derrotado. Con independencia diso, moitas veces non negan o evidente, pero si me parece máis alarmante que historiadores que beberon desas fontes ocultasen iso ou que lles faltara a curiosidade para ver que pasou. A documentación estranxeira é totalmente rotunda. Hai mencións ao rei García nas Illas Feroe... No romance de Roldán hai alusións a Galicia... Antes deste traballo fixera outro sobre o escudo do Reino de Galicia, coa súa evolución desde o primeiro testemuño, en 1282, até a épocas dos Austrias, hai centos e centos de escudos espallados por toda Europea, desde cartularios, libros de armas, romos de armerías, que é irrefutable que poñen Reino de Galicia. E iso aparece en Francia, Italia, República Checa e mesmo no museo de Ekaterimburgo, en Rusia. Hai demasiadas probas. E con isto non queremos dicir que sexamos máis que ninguén; é unha característica da nosa historia e do noso pasado, e non podemos ocultala.