“Rosalía: proclamar ao mundo que Galiza existe” é o título da exposición que se inaugurará mañá mércores ás 11.20 horas na biblioteca do IES Concepción Arenal, cun acto que contará cun recitado de poesía e cunha pequena actuación musical. A selección foi elaborada con textos do escritor, crítico literario e historiador Francisco Rodríguez e ilustracións do humorista gráfico, debuxante e guionista de banda deseñada Pepe Carreiro.
Na sesión de apertura participarán o alumno Paris Bellas, coa lectura dalgún poema da autora, e o cantante ferrolán Xoán Padín Hermida, coñecido por agrupacións como Encrucillada, Coro Encaixe, Cantaberneiros ou St. James Dixie Band. Ademais, e en relación con esta proposta, este multifacético artista dedícase nos últimos anos á promoción de autores galegos como Eduardo Pondal, Carvalho Calero ou Rosalía de Castro.
A mostra, que organiza o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto, ten como protagonista a esta última referente do Rexurdimento. Para divulgar e valorar a súa figura e obra, a exposición céntrase na súa biografía, contexto histórico e sociocultural na que desenvolve a súa actividade, así como a orientación, sentido e vixencia da súa obra. O acto de inauguración pecharase coa intervención do responsable dos textos, Francisco Rodríguez, que se encargará de presentar a exposición atendendo ao enfoque, fundamentos e obxectivos.
Trátase dunha mostra conformada por 20 paneis en total, que se distribúen neses tres aspectos determinantes de biografía, contexto e vixencia da obra en trazos como a igualdade de xénero ou a defensa do idioma. A parte da vida de Rosalía, que se aborda cronoloxicamente, pretende facer entender aspectos clave como o significado e motivación dos seus versos.