O IES Concepción Arenal edita un libro a partir dun manuscrito inédito de Otero Pedrayo

O IES Concepción Arenal edita un libro a partir dun manuscrito inédito de Otero Pedrayo
O libro foi presentado onte ante os membros do Consello Escolar do centro

A partir do achado o pasado marzo dun manuscrito inédito de Ramón Otero Pedrayo por parte da bibliotecaria Isabel Yáñez no avultado arquivo do IES Concepción Arenal, o centro ferrolán artellou un ambicioso proxecto literario e pedagóxico que vén de ver a luz en formato libro.


O breve texto, de puño e letra do polifacético intelectual ourensán –que houbo que decodificar– acabou convertido, grazas á pericia da xefa do departamento de galego, Elvira Roiz, e a implicación doutros colaboradores, nunha publicación de 54 páxinas que non só rende tributo á figura do autor, senón que recolle tamén parte da historia do emblemático centro ferrolá.


Constitúe así mesmo o proxecto, indicaba onte o director, Manolo Rei, unha experiencia pedagóxica fundamental para o profesorado porque “no propio manuscrito enténdese o importante que é a influencia dalgúns profesores cando se volcan co alumnado”. Ese texto ata hai pouco agochado entre antigos documentos e papeis acubillados no arquivo do instituto foi escrito en 1957 por Otero Pedrayo a petición do entón director do Concepción Arenal, Victorino López. A súa intención era incluílo como unha colaboración especial na revista que estaba previsto botar a andar ao curso seguinte. Porén, o artigo, de catro páxinas a unha soa cara e titulado “Horas do Instituto” –reproducido integramente no libro–, nunca chegaría a ser publicado. A razón podería estar nas referencias presentes no texto a cuestións relacionadas co anarquismo ou o galeguismo que o entón director xulgaría que non pasarían a censura, destacábase onte na presentación.


O escrito ten interese, indícase no propio libro, pola ilustrativa experiencia pedagóxica que recrea a través da evocación que o propio Pedrayo, profesor vocacional, escritor e membro da Xeración Nós, fai da súa experiencia como alumno ou a forte e motivadora influencia de profesores que saben emocionar e transmitir ensinanzas con entusiasmo, entre outros aspectos.

 

Apartados

Estruturado en sete apartados, o libro “Otero Pedrayo no IES Concepción Arenal” achégase no primeiro á vida, obra e pensamento do aurensán e a súa relación tanto co instituto, para o que escribiu a súa colaboración, como coa cidade ferrolá, na que en 1949 impartía unha das súas primeiras conferencias da posguerra, organizada polo Círculo Mercantil e Industrial de Ferrol. “Carvalho Calero sería, daquela, o que movese os fíos para Ferrol ter a honra de poder escoitar tan cedo unha personalidade da talla de Pedrayo”, recóllese na publicación en base ás precisas informacións achegadas polo profesor Marcos Abalde.


A obra editada polo instituto permite ao mesmo tempo facer un percorrido pola evolución dun instituto que naquel 1957 cumpría trinta anos de vida. “Na década dos 50, o edificio preparábase para ampliacións que albergasen a crecente demanda de matriculación nun Ferrol en alza demográfica”, destácase. Hoxe en día, 75 anos despois, e a piques de cumprir o centenario, o escenario poblacional mudou, mais a matrícula do centro segue a ser elevada, próxima aos 900 estudantes.

 

Fotografías

Un apéndice fotográfico con imaxes tanto de Otero Pedrayo como de diferentes momentos da historia do centro complementan unha obra da que Rei amosouse moi orgulloso. “Era hora de que o noso instituto tivese algo deste tipo, tendo en conta os fondos documentais e bibliográficos, tesouros que ten na súa biblioteca e os que están por descubrir”, comentaba.


Para el, este libro é tamén un xeito de rendir tributo á memoria do instituto e de “ennobrecer a institución”. O libro terá presenza, ademais de no propio centro, nalgunhas bibliotecas e fundacións.

O IES Concepción Arenal edita un libro a partir dun manuscrito inédito de Otero Pedrayo

Te puede interesar