Iria Ares: “Penso que o cinema clásico é moi superior ao que se está a facer agora”

A actriz dirixe tamén a curta "Balle Voyage" que se presenta no Jofre
Iria Ares: “Penso que o cinema clásico é moi superior ao que se está a facer agora”
Mejuto e Ares son os protagonistas de "Balle Voyage" I Xavi Gantes

Estudo Momento leva mañá venres ao Jofre –20.30 horas– unha iniciativa peculiar que volverá converter o teatro nun espazo cinematográfico. Preséntase, coa colaboración da Deputación da Coruña, a curta “Balle Voyage”, unha homenaxe ao cine clásico e, concretamente, a Alfred Hitchcock. Iria Ares, ademais da protagonista desta historia gravada no Monte San Pedro, é a súa directora.

 

En que consiste o acto?
É unha gala-homenaxe ao cinema de Hitchcock a través da curta que rodamos no Monte San Pedro, no ascensor panorámico. Como directora, proporei unha especie de exercicio de diálogo coa súa linguaxe cinematográfica. Veremos a curta e uns contidos adicionais extra, como o “making off” –que é impresionante porque filmar nesa bóla é complexo– e detalles da rodaxe que ao público lle soen gustar. E como a curta conta coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia, que fai a banda sonora, tamén será unha homenaxe a Bernard Herrmann. A composición orixinal é de Manuel Riveiro, que obtivo un premio no festival de Medina del Campo. É dicir, aproveitando a proxección da curta facemos un percorrido polos grandes clásicos de Hitchcock e poñémola en diálogo con eles. É moi interesante a interacción posterior co público.

 

E como acolle o público esta iniciativa? Participa?
Esta é a cuarta proxección na provincia, financiada pola Deputación, que tamén cofinancia a curta xunto co Consorcio de Turismo da Coruña. É unha actividade que facemos para o público e que ten moi boa acollida. No Colón tivemos máis de 500 persoas. O cinema clásico ten moitísimo tirón e, dentro deste, o de Hitchcock é tan recoñecible na cultura popular que mesmo as novas xeracións se achegan tamén.

 

O cinema clásico é a súa gran paixón. Que ten que non teña o actual?
O que vou dicir é polémico, pero é o que penso: a miña carreira está moi ligada ao cinema clásico e a obra que fixen antes, que é “Badaladas de amor e morte”, tamén é unha homenaxe a Orson Welles, e penso sinceramente que o cinema clásico é superior ao que se está a facer hoxe. Como arte, como industria, como negocio, como moitas cousas, a pegada do cinema clásico no espectador é inmensa e profunda, moi superior á do que se está a facer agora. Como directora, como actriz, como produtora e como guionista aprendo moitísimo máis vendo unha película clásica que unha actual. Iso non quere dicir que non haxa boas películas, por suposto que si, pero en xeral esa época dourada é para min como as pirámides de Exipto: cousas irrepetibles e inesgotables, o sitio no que unha sempre quixo formarse como actriz e directora.

 

O consumo rápido debilitou tamén a arte cinematográfica? 
Non é só o cinema, está cambiando todo. Todo se está a revolucionar cos móbiles. Fálase moito do cinema, da televisión e das plataformas, pero fálase ben pouco do lugar de consumo do espectador. O que tiñan os clásicos é que reunían xente nunha sala de cine para ver en común unha película, e esa película convertíase nun fenómeno social compartido. Agora, as pantallas individualizadas fan que cada quen na súa casa teña unha experiencia particular que despois pode poñerse en común ou non, pero non crea público. Hai espectadores, hai consumidores, hai datos en plataformas, pero non hai público, e o cine clásico si que compartiu xeracións, públicos, mitos, iconos, crenzas... Todo iso nolo arrebataron e non nos decatamos cando.

 

Como se sobrevive nun sector coma este? 
Porque non podes facer outra cousa. É un bicho que cando che pica estás perdida... Estou a favor do cambio, o cambio sempre é positivo. Como directora e como actriz, gustaríame sinalar que os grandes artistas, e non digo que eu o sexa, aspiran a facer grandes obras ou estar nas grandes obras, porque o cine é unha arte colectiva, non individual. A través do noso traballo procuramos conectar cos principios eternos, con iso que non muda nunca: as paixóns. Nese sentido, toda a periferia de modas, estéticas, modos de consumo, cando o que che gusta é o cine, dáche exactamente igual porque sabes que a ciencia cinematográfica é dominar a súa linguaxe, contar unha historia a través da imaxe, e o importante é acadar o halo de eternidade dentro dunha imaxe. Os cambios, as modas, son periféricos. Isto é 100% vocacional, pero tampouco ten moito mérito porque non podo facer outra cousa.

 

Que papel xoga Mejuto na súa carreira? 
Síntome profundamente incompredida pola profesión. As cousas que plantexo como actriz e directora non se están a entender ben, cando neste mundo cambiante estou a facer unha declaración de principios sobre cousas que sei 100% que no público van funcionar. O papel de Mejuto ao meu lado é o que facilita poder realizar como actriz e directora todos eses proxectos e poder chegar ao público. Se non fose polo seu apoio e talento custaríame moitísimo máis: é un dos mellores actores do país e un grandísimo produtor. 

Iria Ares: “Penso que o cinema clásico é moi superior ao que se está a facer agora”

Te puede interesar