Iria Folgado: “Poder escoitar diferentes versións dunha mesma composición, aínda sendo clásica, é moi interesante”

Iria Folgado: “Poder escoitar diferentes versións dunha mesma composición, aínda sendo clásica, é moi interesante”
Iria Folgado, onte na Torre de Hércules, onde presentou o seu debut discográfico, "Ecos de Breogán" I Quintana

“Ecos de Breogán”, o debut discográfico de Iria Folgado –San Sadurniño, 1996–, non oculta o espírito que o percorre, moi en sintonía coa tese que hai pouco máis dunha semana o gaiteiro Carlos Núñez defendía neste mesmo xornal: o atlantismo está a reconectarse, e a solista de corno inglés na Konzerthausorchester Berlin é un exemplo que ilustra á perfección esa nova onda.

 

Cando decidiu gravar un disco? 
O primeiro contacto cunha das obras do cedé foi durante un festival en Suíza e a partir de aí comecei e interesarme por ese tipo de programa de música de cámara de óboe e cordas. Máis adiante, na edición de 2021 de Música no Claustro, en Tui, volvín tocar esta obra de Benjamin Britten coa que empeza o disco, e foi aí onde os organizadores, Samuel Diz e Beatriz Fontán, abríronme á idea de gravar un cedé con esta e outras obras relacionadas. De aí xorde “Ecos de Breogán”, unha travesía musical polo Atlántico que une esas culturas folklóricas celtas coas composicións de Britten, de Elizabeth Maconchy, de Ralph Vaughan Williams e de Arnold Bax e que remata con esa obra do galego Fernando Buide del Real que vén representar eses ecos que voltan cara á nosa terra. 

Como foi a elección dos músicos que te acompañan nesta viaxe? 
Foi un traballo máis ou menos longo porque a idea se orixinou en 2021 e houbo que planificala e buscar os músicos. O proceso tería sido máis doado de escoller un grupo estable de cuarteto de corda, pero eu quería que fora algo máis persoal, tocar con xente que eu coñecera, coa que tivera a mesma sintonía... E con esa idea de coincidencia nos gustos musicais foi como me xuntei con Raquel Areal –violín–; Sara Areal –violín–, Héctor Cámara –viola– e Iago Domínguez –violonchelo–. Todos eles estiveron moi implicados durante todo o proceso.

 

Canto tempo durou a gravación? 
Gravámolo no coro alto da Igrexa de Santo Domingo de Tui. Foi un proceso moi intenso, pois non tiñamos moito tempo e iamos contra o reloxo. Fixémolo todo nunha semana: tres días de ensaios, un concerto no Música no Claustro desta edición para rodar o repertorio e, despois, gravamos os dous días seguintes... Foron sesións moi intensas, con moita paciencia e ilusión, pero coido que ao final deu un bo resultado.

 

E todo iso compaxinándoo co seu traballo en Berlín... 
Houbo que planificalo con moita calma. Os ensaios e a gravación foron este verán, coincidindo coas miñas vacacións no meu traballo en Berlín. Logo, todo o tema da edición fixémolo en Alemaña. Foi intenso, pero sabiamos ao que nos enfrontabamos: sabiamos o que tiñamos que facer e, por sorte, había unha boa organización.  


Dicía Carlos Núñez que o atlantismo está a vivir unha nova alborada. O título do seu disco apunta nesa mesma liña. 
Si, o propio título do disco xa o di, son os ecos dese rei celta que ordena construír unha torre en Brigantia para alumear o mar, e desde o cumio desa torre o seu fillo alcanza a ver esas illas que quere visitar. É reflexo da unión cultural entre estas nacións, a nosa tradición celta. Ademais, é un cedé máis orixinal, no sentido de que, sen deixar de ser música clásica, contén composicións menos coñecidas porque non forman parte do estereotipo de música clásica que normalmente se escoita.

 

A responsabilidade multiplícase cando unha se enfronta a obras de autores clásicos
Responsabilidade témola sempre porque sempre queremos ser fieis á partitura e ao que o compositor quixo expresar nese momento con esa música. E, ao mesmo tempo, queremos dar a nosa visión desa mesma música: creo que escoitar versións diferentes dunha mesma composición é moi interesante. Ademais de abordar obras de autores que non están vivos, tivemos a sorte de traballar man a man con Fernando Buide del Real tanto nos ensaios como na gravación, e esta foi unha experiencia moi especial porque os músicos non sempre temos a posibilidade de ter ao noso carón ao propio compositor para saber o que el quere expresar coas súas obras. Ademais, deunos toda a liberdade para facer o que quixeramos.

 

Traballa en Berlín nunha orquestra de primeiro nivel e agora publica o seu primeiro disco. Está a vivir un soño? 
Máis contenta non podo estar. Poder ter un traballo desde os 23 anos é todo un luxo nos días que corren porque o nivel na música é enorme. É unha gozada que se multiplica pola posibilidade de seguir tendo os meus proxectos persoais, como este cedé. Todo isto reforza máis a vocación.

 

Cal é o plan agora que o disco xa está circulando? 
Agora vén a época de concertos. Comezaremos en Berlín, na Konzerthaus, o 14 de febreiro. Tamén estamos acordando datas para poder facer concertos en Galicia. Para nós ten moita importancia dar a coñecer o álbum aquí. 

Iria Folgado: “Poder escoitar diferentes versións dunha mesma composición, aínda sendo clásica, é moi interesante”

Te puede interesar