O biólogo ferrolán Joám Luís Ferreiro, vinculado laboralmente durante moitos anos á confraría de Barallobre, recoñece que identificar as causas da caída de produción de ameixa na ría de Ferrol é unha tarefa complicada, pero aposta por un problema multifactorial.
Que lle pasa á ría? Como se chega a esta situación?
Víase vir e deixouse ir, pero hai que ter en conta unha cousa importante, que é o conflito competencial. É un problema moi grande que a Xunta non teña a competencia absoluta sobre a ría. Por exemplo, para facer unha rexeneración dun banco marisqueiro non abonda con que a Consellería aprobe e xestione unha orde de axudas, pois para mover area dunha praia tiña que pedir autorización ao Ministerio de Medio Ambiente. Iso provoca que uns sinalen a outros. Debería ser a Xunta quen tivese o control absoluto sobre o medio mariño, neste caso as rías, é complicado. Nas reunións que se fixeran cando comezou a crise había reunións con corenta persoas de corenta organismos diferentes. É imposible.
Que tipo de factores están identificados?
Xúntanse unhas infraestruturas disparatadas, unha depuración mal feita –o sistema unitario non é o axeitado–, que a situación das zonas C hoxe aínda é peor que a etapa previa ao saneamento, o que provoca que ese marisco teña que reinstalarse en batea... E logo hai outros factores biolóxicos e mesmo climáticos.
Cales?
A alteración climática pode estar influíndo, aínda que non me atrevo a apuntar a esta ou estoutra causa. Ten que facerse un estudo integral. Temos teorías, algunhas con máis ou menos certeza, pero unha idea clara do que ocorre non se ten. Que hai que facer algo, sabémolo.
Nestes factores máis ambientais, hai algún especialmente “sospeitoso”?
Persoas que estiveron estes anos traballando neste intento de recuperar a ría de Ferrol recoñecen que hai algo que se lles escapa. A fixación de larvas non é mala, pero non se sabe que ocorre porque, cando hai morte por predación ou por exceso de auga doce ou calor, aparecen as cunchas. Pero agora non aparecen e non sabemos o que pasa. Hai boa fixación, aparecen individuos pequenos, de ata 10, 12 ou 15 milímetros e a partir de aí desaparecen. Coido, con todo, que nisto fixo moito dano a baixada da talla mínima a 35 milímetros, pois o volume de desove vai en función do tamaño das gónadas, que, á súa vez, van en función do tamaño do individuo. Aínda así, está habendo desoves decentes, pero logo desaparece. Por que? Non se sabe.
Que cre vostede?
Poden ser factores climáticos? Pode ser. Hai que ter en conta unha cousa, aínda que pareza unha barbaridade: as ameixas tamén comían a materia orgánica que chegaba ao mar a través das augas residuais. E iso desapareceu, logo fáltalles parte da comida. Agora tampouco hai tanto nordés no verán e tampouco hai tanto afloramento nin biomasa de plancton. O problema é que hai poucas certezas. Sabemos o que hai, pero por que se chegou a esta situación? É difícil porque hai moitas cousas en xogo ao mesmo tempo.