“Do Suízo ao Ideal Room. Rodolfo Ucha e os hoteis do Ferrol modernista” (Edicións Embora) é o título do libro no que o historiador da arte Juan David Díaz –Lugo, 1982– analiza o contexto e as particularidades dos tres grandes edificios hoteleiros (en orixe) do barrio da Magdalena. Xa está á venda en librarías.
Como xorde a idea de sistematizar a historia hoteleira de Galicia?
Este proxecto comezou hai xa uns cantos anos, cando decidín embarcarme na tese de doutoramento e centrar o tema de interese na tipoloxía hoteleira, na arquitectura dos hoteis, tanto polas súas características particulares como pola súa relación coa cultura burguesa, que se estende a partir do século XIX cunhas condicións singulares, moi relacionada tamén co desenvolvemento urbano das nosas cidades. Entre estas, unha das máis importantes é, sen dúbida, Ferrol, e había que dedicarlle un capítulo específico. A tese presentouse en 2018 (“Cidades e hoteis na Galicia contemporánea. 1779-1948”) e tivo moi boa acollida. Decidimos plantexarlle a Embora a posibilidade de publicar un monográfico sobre o caso de Ferrol porque ten moito xugo e moito interese, sobre todo porque os seus hoteis están centrados arredor dunha figura importante para a estética de comezos do século XX, que é Rodolfo Ucha. El é o principal definidor da estética modernista do Ferrol da época e encargouse precisamente dos tres edificios hoteleiros que tratamos.
En Galicia o fenómeno hoteleiro vencellado á burguesía foi máis ben serodio, non?
Efectivamente, porque serodio foi tamén en España. Os primeiros hoteis con este nome podemos datalos a finais do XVIII, sobre todo no ámbito anglosaxón e en Estados Unidos en particular, pois carecía de palacios aristocráticos e empezou a definir esta nova tipoloxía para o aloxamento da nova clase social predominante, pero tamén nas principais cidades de Europa. Esta nova modalidade de aloxamento comercial basea o seu nome na palabra francesa, é dicir, un caserón, en principio familiar, con connotacións de prestixio. Mentres que en Europa, no norte e no ámbito anglosaxón xa se empregaba este termo desde finais do XVIII e comezos do XIX para definir estes aloxamentos de primeira categoría, en España a palabra fonda mantívose moi arraigada e con moito prestixio ata mediados do XIX. Cara aos anos 60 comezaron a aparecer os primeiros hoteis en Madrid e a finais dos 70 aparece o primeiro hotel urbano considerable en Galicia, o Continental de Vigo (1879). A partir de aí vaise subtituíndo o concepto de fonda polo de hotel, vaise refinando tamén a arquitectura e vanse facendo edificios ex profeso para funcionar como hoteis, pois normalmente o problema é que eran edificios de vivendas, máis ou menos sofisticados, que se adaptaban sobre a marcha. Pero o caso ferrolán ten unha particularidade moi especial e interesante.
Cal é?
Que estes tres hoteis de Ucha en que nos centramos foron construídos ex profeso, deseñados desde o principio como hoteis, non como vivendas.
Na cabeza de Ucha xa estaba plenamente asumida esa definición de usos...
Non podemos dicir que fora un visionario, pero tiña moi clara esa concepción, o que non quere dicir que outros arquitectos doutras cidades galegas non foran conscientes tamén, pero cada caso é singular. Na Coruña, por exemplo, o que foi o hotel Palace era a comezos da década de 1870 un edificio de vivendas e a principios do XX decidiron convertelo en hotel.
É un caso relativamente raro que os tres hoteis que estuda se manteñan en pé?
É unha cuestión bastante excepcional dentro do conxunto dos hoteis que estudamos en Galicia. Os edificios non foron demolidos nin substituídos por outros, nin obxecto dunha reforma agresiva... Ao contrario, externamente conservouse e respectouse fielmente a súa estética orixinal, e iso é digno de valorar. É verdade que no Ideal Room algúns elementos desapareceron, como eran os telladiños con chapitel das esquinas do edificio (agora recuperados coa reforma), pero —e isto podémolo dicir tamén dos dous Suízos– presentan un moi bo estado de conservación exterior.
Fala tamén da integración na trama urbana como elemento diferencial.
Si, unha cousa son os hoteis balneario, como, por exemplo, Mondariz ou A Toxa, que se facían así –tipo vacacional– desde a raíz, pero nas cidades é frecuente que estes inmobles que non son adaptados desde as vivendas imiten as vivendas. O caso dos hoteis de Ucha son edificios ad hoc que internamente se concibiron para hoteis, pero exteriormente ninguén podería dicir que é un hotel indubidablemente porque se mimetiza con toda a arquitectura residencial do barrio da Magdalena. Pensemos por exemplo na Casa Romero, que podería ter sido un hotel por esa pompa estética que ten...
Non cre que se perdeu un pouco o gusto estético que había naquela altura na arquitectura?
O principal, máis alá do gusto estético, que tamén está aí, é unha cuestión de respecto coa cidade herdada. En xeral, maltratamos bastante o patrimonio, a memoria e o legado, e antepoñemos cuestións economicistas ou estritamente utilitaristas que pasan por riba da cidade que recibimos. E coido que iso supón unha perda considerable. Sei que é unha visión moi de historiador, pero os historiadores asociamos moito a dimensión estética coa dimensión patrimonial, do herdado. Desde logo, para nós non pode haber beleza canto sistematicamente se maltrata o pasado: é bo que teñamos unha noción de onde vimos e que A Magdalena na que viviron os nosos avós se coide, se mime.