Julia Díaz Sixto, xornalista: “Unha parte da sociedade aínda non madurou o feito de ter unha lingua propia”

A súa traxectoria comeza en Radio Popular, colaborou coa revista Grial e dirixiu Cope Ferrol. Na actualidade é presidenta do Club de Prensa da cidade e foi galardoada cun Premio da Cultura Galega
Julia Díaz Sixto, xornalista: “Unha parte da sociedade aínda non madurou o feito de ter unha lingua propia”
A presidenta do Club de Prensa acaba de ser galardoada pola Xunta | JORGE MEIS

As herdanzas van moito máis aló dunha contía ou algo tanxible. Existe tamén un legado que acompaña á sociedade de forma transversal, xeración tras xeración, e que vai unido a propia idiosincrasia galega. O idioma non é máis que unha parte inherente do ser, unha característica innata e dada que acompaña a vida de todos os que queren gozalo. 


Despois dunha traxectoria máis que resaltable, Julia Díaz Sixto acaba de ser galardoada cun dos Premios da Cultura Galega, en concreto o adicado á lingua. “Só hai que ver a diferenza entre “tejer” e tecer”, exemplifica a escritora para xustificar que, a pesar de que no seu caso a aposta polo galego non foi dende nena, o agarimo polo idioma comeza polas propias palabras. 


Para Díaz a profesión chegou por casualidade. Nunca pensou que ía acabar na radio. “As mulleres faciamos naqueles tempos o Servizo Social ao rematar o bacharelato superior. A min tocoume entrar na radio. Cando cheguei estiven ordenando papeis, cadrando nomes e datas,  e cada vez que abrían a porta e corría un pouco o aire tiña que volver empezar, voaba todo”, comenta entre risos ao recordar os seus inicios. Aí foi cando, a pesar de ser tan pequena, puideron as ganas de traballar, que eran moi grandes. Aos seis días ofrecéronlle un traballo e pasou a formar parte dos estudios de Radio Popular. “Foi un soño”, di.


Neste punto da historia, no que Díaz Sixto aínda non chegaba á maioría de idade, coñeceu o galego. “Era unha analfabeta en cultura, lingua e historia de Galicia”, recoñece a actual presidenta do Club de Prensa de Ferrol. Foi a través da música popular, das letras das cancións que xorden do pobo, que empezou a indagar na sua herdanza. “Eu estaba en El Espejo Musical presentando os discos e pouco a pouco fun metendo algunha das palabras en galego que escoitaba na tradición oral. Así comecei a falar. Tiven sorte e algún que outro atranco”, lembra.


Ela foi pioneira en introducir a lingua “dun pobo humilde e traballador” nos medios de comunicación da cidade. “Había moito de cariño e pouco de demagoxia. Intentaba facer entender aos demais, dende a sinxeleza pero tamén dende a seriedade, a importancia que ten respectar o que nos fixo, e sobre todo o legado do que somos receptores”. A súa implicación naceu dunha pregunta: “Por que aquí si e aquí non? Por que esta lingua non vale en todos os contextos?”. Neste punto tomou conciencia e comezou a falar mais “cando se podía, posto que non o aceptaban en todos os programas”.


A partir deste momento empezaron as primeiras presentacións de actividades populares, “nas que nunca cobraba, pero tiña liberdade”.


A pesar de que as cousas mudaron Díaz asevera que “aínda hai unha parte da sociedade que non madurou a importancia que conleva o feito diferencial de ter unha lingua. Se nunha familia se deixan as cousas que foron importantes e se gardan con cariño, por qué non se fai coa fala. Esta aínda é algo máis, posto que foi creada durante séculos por tantas persoas que transferiron a súa alma e o seu ser”. 


“Na actualidade hai poucos escritos nos medios que sexan en galego. Cando saen levas unha inmensa alegría. Hai que tomar conciencia e saber que ao mellor estamos axudando a que Galicia sexa recoñecida como ten que ser, porque ás veces parece que estamos nunha esquina do mundo sen facer moito ruído”, comenta. Mais os ultimos datos non afectan só aos medios, senón tamén aos galegofalantes e, aínda que a xornalista ten una visión optimista, ten claro que “non chega con ser positiva e quedar no positivismo”. Así, ela explica que antes os que mantiñan a lingua, en moitas ocasións, non sabían nin ler nin escribir e, agora, “os novos están máis que preparados”. “Hai que tomar conciencia, necesitamos que os nenos falen galego e que os medios fagan un esforzo por considerar a lingua”, conclúe. 

Julia Díaz Sixto, xornalista: “Unha parte da sociedade aínda non madurou o feito de ter unha lingua propia”

Te puede interesar