Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut son os nomes das tres responsables do proxecto multidisciplinar “Indóciles”. Trátase dun espectáculo que aterriza este xoves, ás 19.30 horas, no Centro Torrente Ballester, para volver a subir ao escenario a música, a obra e a voz da autora homenaxeada pola Real Academia para as Letras Galegas deste ano.
Despois da actuación da semana pasada na Alianza Aresana, con motivo da mesma conmemoración, o trío artístico ofrece unha nova sesión, nesta ocasión para os espectadores de Ferrol.
A entrada á función, que se dirixe a un público adulto, é dicir, a partir dos 14 anos, é libre até completar o aforo e a duración aproximada é dunha hora.
As fundadoras desta iniciativa interpretan a figura de Luísa Villalta como unha autora comprometida e versátil que deixou un legado de carácter subversivo que incita a reaccionar. Ademais de poeta, a artista era dramaturga, narradora, ensaísta, filóloga, violinista e profesora.
A mugardesa Vero Rilo leva dende 2013 contando historias diversas e formouse con referentes da narración oral, tanto do ámbito galego como internacional.
Nuria Vil, da parroquia viguesa de Santo André de Comesaña, califícase como “resitadora” e está sumerxida en múltiples proxectos como a curta que estrea o ano que vén, “Delincuente”.
De Vigo tamén chega Mónica de Nut, de Oia, que é cantante de ópera, jazz, contemporánea e música galega de raíz.