A finais deste ano rematará o proxecto europeo Erasmus + “Flores” no que participa o Campus Industrial de Ferrol da UDC cun equipo que lidera a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) Lucía Santiago. A iniciativa presentarase no marco do congreso GOInterHUB que se celebra mañá xoves e o venres no CIS Tecnoloxía e Deseño da Cabana.
En que consiste o proxecto?
Enfócase na parte de innovación docente e trata de analizar as necesidades formativas para o novo sector das enerxías renovables que están emerxendo. Están aparecerendo novos postos de traballo e requírense novas habilidades, e o que hai que saber é se eses perfís xa están dispoñibles para poder integrarse na industria e que necesidades de formación teñen. Lidérao o Cetmar e nós participamos como socios. Estudamos as formacións existentes neste eido e das ofertas de traballo que están xurdindo en Europa para comprobar se realmente encaixan ou, en caso contrario, cales serían os novos requisitos para futuras formacións. Tamén elaboramos unhas guías para quen queira crear novas formacións cun enfoque innovador (dispoñibles para descargar en https://oreskills.eu) e lideramos o paquete de traballo de promoción das carreiras offshore, en colaboración con WindEurope, orientado á xente nova, mesmo a colexios e institutos, para que as novas xeracións coñezan estas oportunidades emerxentes.
Asime estima a creación de 5.000 empregos máis neste sector en Galicia nos vindeiros anos. É un camiño que se abre.
Así como algúns se pechan, outros ofrecen novas posibilidades. A idea é atraer talento de todos lados: doutros sectores que se poden reciclar, como o oil&gas, porque hai habilidades que son as mesmas que as enerxías renovables.
Hai unha distancia grande entre a formación que se ofrece e as necesidades do mercado?
Aínda non temos o resultado final da análise; o que si temos moi claro é que esta industria emerxe moi rápido e, debido a como funciona o sistema educativo en España, poder facer modificacións nos programas de estudos non é o suficientemente rápido. Aí é onde temos que ver outro tipo de formación máis curta. Fixéronse tres experiencias piloto para ver se favorece que a xente, tanto a que procede doutro sector como a máis nova, entre máis rápido no mercado laboral.