Luísa Villalta naceu na Coruña o 15 de xullo de 1957 e alí fixo os primeiros estudos (no Colexio Europa), o bacharelato (no Colexio de San Xosé) e o Curso de Orientación Universitaria (no Instituto Eusebio da Guarda). Logo estudou na Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou en Filoloxía Galego-Portuguesa e mais en Filoloxía Hispánica en 1981, e tamén se formou no Conservatorio Superior de Música da Coruña e de Ourense, o que a conduciu á obtención do título de Profesora de Música na Especialidade de Violín en 1991.
Exerceu como profesora de Lingua Galega e Literatura dende o ano 1988, primeiro no Instituto de Bacharelato de Perillo-Oleiros (1988-1989), logo no Instituto de Bacharelato nº3 de Canido en Ferrol (1989-1991) e, xa definitivamente, no IESP de Sada (1991-2004). Iniciouse na Arte polo camiño da música, que, nas súas propias palabras, “vén coincidir coa palabra no exercicio que se denomina poesía”. Entre un extremo e outro, a súa vida transcorreu practicando e ensinando Literatura nas máis diversas acepcións: creativa, conceptual e social.
Como violinista estudou na Coruña con Celso Béjar e fixo cursos de perfeccionamento con Víctor Martín, Pierre Jeubert, Pavel Kincl e Jan Sedlacek, entre outros. Realizou un labor camerístico en diferentes agrupacións galegas e integrou a finais dos setenta e primeiros oitenta o grupo Escaino. Tamén formou parte da Orquestra de Santiago en 1985 e mais da Xove Orquestra de Galicia (1986-1987) e publicou diversos artigos sobre estética musical.
Como poeta preparou en vida a publicación de catro obras: Música Reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995) e En concreto (2004). Mais o seu labor poético foi alén, pois participou regularmente en recitais e actos de espallamento da nosa poesía tanto en Galicia coma no resto da Península Ibérica. Polo seu “Poema cíclico para soprano e cuarteto de corda”, integrado despois en Música reservada, resultou premiada no I Certame Literario da Comisión Cultural da Facultade de Filoloxía da USC en 1990. Tamén foi distinguida por un seu relato no Certame de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo (1990) e polo libro En concreto recibiu primeiro o Premio Espiral Maior de Poesía (2004) e despois o Premio da Crítica de Galicia (2005). Algúns dos seus poemas foron traducidos ao éuscaro, ruso, francés, inglés e castelán.
Como narradora deu a coñecer o libro de relatos Siléncio, ensaiamos (1991) e as novelas Teoría de xogos (1997) e As chaves do Tempo (2001), ademais de participar en numerosos volumes colectivos con contos de seu. Tamén foi unha destacada dramaturga e neste eido dispuxo para o prelo cinco obras: Concerto para un home só (1989), O representante (1990), O paseo das esfinxes (1991), As certezas de Ofelia (1999) e Os doces anos da guerra (2002). No terreo do ensaio –ademais de abondosos artigos e algunhas edicións literarias e prólogos–salientan as súas monografías O Don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992) e O outro lado da música, a poesía (1999), este último reeditado en 2021 cun estudo introdutorio de meu.
Foi, así mesmo, tradutora e verteu ao galego o Manifesto por un novo teatro do escritor italiano Pier Paolo Pasolini en 1994 e, xunto a Francisco Pillado, A Mandrágora de Nicolás Maquiavelo en 1998. Amais, trasladou ao castelán poemas de Pura Vázquez, de Manuel María, de Uxío Novoneyra e X. L. Méndez Ferrín para o primeiro número de “Contemporánea. Revista da Asociación de Escritores en Lingua Galega” (1995).
Como intelectual preocupada polo devir da literatura e da cultura galega, en particular, e da nosa sociedade, en xeral, formou parte da Mesa pola Normalización Lingüística, da Asociación de Escritores en Lingua Galega e mais do Foro da Cultura do Consello da Cultura Galega, entre outros colectivos.
Foi tamén membro de diferentes xurados literarios, colaboradora habitual en xornais e revistas culturais, conferenciante en múltiples palestras e recitou os seus versos en moi diversos espazos. Do mesmo xeito, interpretou música para cinema e escribiu libros de texto como os titulados Actividades de léxico I e II (1990), Actividades de expresión oral e escrita (1990) e Actividades de construcción gramatical (1991).
Faleceu na Coruña o 6 de marzo de 2004. Tras o seu pasamento publicouse o seu poemario Papagaio (2006, en colaboración con Maribel Longueira) e a edición facsimilar, da que responsabilicei, de As palabras ingrávidas (2020), ademais do conxunto de artigos O libro das colunas (2005). Tempo despois, recadei toda a súa poesía preparada en vida no volume Pensar é escuro, Poesía reunida (1991-2004) (2023).
Oxalá este Día das Letras Galegas que lle dedicamos sirva para lembrar que viviu intensamente os seus breves días dedicada á escrita e á música, que foi unha destacada intelectual e unha gran docente, e, por riba de todo, que habitou a verba e soñou nela o paraíso do lugar das palabras.