Luísa Villalta protagoniza a actividade cultural dos próximos días na comarca

Luísa Villalta protagoniza a actividade cultural dos próximos días na comarca
O acto da Federación Galiza Cultura que hoxe chega ao Torrente pasou xa polo Rosalía da Coruña| Patricia G. Fraga

A figura de Luísa Villalta será a protagonista inesquecible da programación cultural que ao longo de toda esta semana se desenvolve por toda a comarca, sin que se  cinga só ao día 17, festividade das Letras Galegas.


En Ferrol, hoxe mesmo a capela do Torrente Ballester acollerá un acto organizado pola Federación Galiza Cultura coa colaboración da Sociedade Cultural Medulio. A partir das 19.30 horas, baixo o lema “Inaugurar o tempo da Xustiza. Celebrando a Luísa Villalta”  terá lugar un recital poético coa participación de Marica Campo e Xulio López Valcarce. Tamén haberá unha intervención laudatoria, que levará por título Luísa Villalta: “Eu renazo galega”, que lembrará a súa figura. Este discurso será a cargo da profesora e escritora María Pilar García Negro. Finalmente, haberá concerto do Grupo Instrumental “Siglo XX” con Daniel Vlashi, violino, Florian Vlashi, violino, Luigi Mazzucato, viola, Raúl Mirás, violonchelo e Rediana Lukaiçi, violonchelo, que interpretarán “In memoriam” de Moni Kurçi, “O paseo das esfinxes”, de Paulino Pereiro e Transcrición da Suite núm. 3 para cello Op.296, adaptación de Paulino Pereiro de J.S. Bach de 2021. 


Pero a programación do Día das Letras Galegas non fai máis que comezar hoxe. Así, o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, deu a coñecer onte a programación organizada dende o Concello e que inclúe, en primeiro lugar, unha actividade da Biblioteca municipal, que levará aos centros escolares públicos da cidade a iniciativa “E se o día das Letras Galegas recibiras unha visita inesperada?”. 


Xa pola tarde, a Biblioteca acollerá ás 19.00 horas a presentación do libro “Cinza”, na que estará presente o seu autor, Manel Cráneo, e tamén o escritor Xavier Alcalá.


O día 17, ás 11.30 horas, está prevista a actuación pola rúa do grupo de gaitas Agarimo e a primeira edición do Certame de “Cantos de Taberna”, que se organiza xunto coa Escola da Vaca, e se celebrará nas cafeterías do centro e no Cantón de Molíns, a partir das 12.30 horas e ata as 13.30 horas. As agrupacións anotadas (Vandevaranda, As Rumboias, Os Tabernícolas Ferroláns, MPG, Viute o Demo) irán facendo paradas diante dos locais de hostalería colaboradores. A partir das 13.30h aproximadamente, as agrupacións xuntaranse no Cantón de Molíns, onde irán subindo ao palco da música para deleitarnos có seu repertorio mentres amenizan o xantar popular con mesas e cadeiras espalladas pola alameda do Cantón.
Xa o día 19, ás 20.30 horas no Auditorio, terá lugar a gala musical das Letras Galegas, na que actuarán o Real Coro Toxos e Froles e Airiños de Fene. Ademais, vaise estrear unha obra de Juan Durán, na que actuarán o barítono Gabriel Alonso e a soprano Patricia Rodríguez.


O día 21 a escritora Yolanda Castaño  recitará, tamén no Torrente ás sete, “Poemas de Villalta” e o 23 haberá outro recital musical e poético a cargo do grupo Indóciles.


En Canido, o propio día 17 proxectarase unha curtametraxe, “A Rosa incandescente” e contarase coa presenza da produtora e guionista Anxos García Fonte –20.00 horas, no centro cívico de Canido–.

 

A poesía e a música están presentes pero tamén o espectáculo


O Concello de Narón tamén programa diversas actividades baixo o lema  con “N de  Narón, a festa das Letras”. Aínda que estaba previsto para a Praza da Lectura, en Santa Icía, o tempo fará que se traslade ao Pazo da Cultura. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira  de Política Lingüística deron a coñecer os contidos.


Ás 12.00 horas comezará a celebración co espectáculo “De Castro a Villalta”, de A Xanela do Maxín. A continuación, ás 13.00 horas, dará comezo a actuación da Banda de Gaitas e do Grupo de Baile do Padroado da Cultura, que amenizarán a sesión matinal.


Pola tarde retomarase a programación ás 17.30 horas, co espectáculo teatral “A illa sen tesouro”, de Teatro Ghazafelhos. A música regresará tamén pola tarde, ás 18.30 horas, coa actuación do Grupo de Cantareiras do Padroado da Cultura.


Completan o programa sesións de xogos populares e un espazo de lectura e libraría, a cargo da Biblioteca municipal de Narón.


Xa en Neda, celebrarase o sábado un obradoiro infantil de escritura artística a partir de textos da homenaxeada. A iniciativa de Velaísca chegará á biblioteca ás 11.30 horas para nenos de entre seis e doce anos.


En Valdoviño, será o propio día 17 cando haiba unha cita coa música folc da man de “Encrucillada”, acompañados do grupo de baile A.F. Álvaro Cunqueiro de Lago. O tempo determinará si é no exterior ou no auditorio.


En Ares, a homenaxe a Villalta terá varios días de actividades. Comeza mañá xoves con “Indóciles” na Alianza aresana con música e poesía. O sábado, ás 12.00 horas, na rúa Solín haberá un vermú-presentación da novela en galego de Pablo J. Rañales “Os afogados”. Conversará con Alma Barcón, concelleira de Cultura, sobre a historia que se conta na novela.


A música chegará a Mugardos o propio 17 de maio, ás 18.30 horas, con actuacións da rondalla Vila das Pontes e a coral Estrelas do Mar, no Casino Progreso de Franza.


A programación ten en San Sadurniño tres citas para celebrar a data. Hoxe mesmo, a partir das 11.00 horas, haberá na Casa de Cultura un encontro con Yolanda Castaño, no que repasará a vida de Villalta. Mañá, ás 18.30 horas, na Casa de Cultura, actuará o Mago Teto co espectáculo “A maxia das nosas letras”. A última proposta non será ata o día 21, ás 11.00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura co “Concertasso na horta”, do polifacético Brais das Hortas, para o alumnado do colexio público máis pequeno eo da escola infantil.


No municipio de As Pontes será o día 18 cando se conmemore a efeméride. Actuará a banda cultural e xuvenil Chorima e o conxunto de vento profesional no cine Alovi, ás 18.00 horas.


En Cerdido, a área recreativa O Castro acolle o día 17 de maio a partir das 19.00 horas a presentación do poemario “Verso plural” do poeta cerdidense José Luís Graña, acompañado musicalmente por José Manuel Espiñeira.


Tamén se procederá á entrega do premio da categoría de adultos do XXIII concurso de contos “Manuel Otero Pazos”. O primeiro premio foi para Belén Amparo Breijo Sardiña polo seu conto “A Semana Santa perdida e os comezos de Don Manolo”.


Xa en Moeche ofrecerase o propio venres o espectáculo “Que viva o galego!”, da man de Migallas Teatro. Trátase dunha actividade interactiva na que se realizarán xogos, bailes e outras probas. Será na nave do mercado, ás 12.00 horas.


O Concello de Cedeira tamén programa unha completa gama de actividades durante tres xornadas. O día 17 haberá unha lectura do manifesto e poemas de Luisa Villalta, ás 12.00 horas na biblioteca municipal López Cortón. O auditorio acollerá dous actos para os dous días seguintes. Ás 20.00 horas do sábado, o espectáculo “Seis. Lorca en Galicia” e o domingo, á mesma hora, o concerto do músico brasileiro Nanán, compositor e luthier.


Cariño fará unha viaxe polo metaverso de Luísa Villalta cunha exposición que xa se atopa na planta baixa da Casa da Cultura con carteis conmemorativos sobre a autora. A mostra ven acompañada dunha guía didáctica e os carteis contan con códigos QR que permiten acceder a máis contido. Este ano foron os rapaces do CIFT A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense os gañadores do concurso para realizar os carteis sobre a autora. 

Luísa Villalta protagoniza a actividade cultural dos próximos días na comarca

Te puede interesar