Os Maios de Canido finalizan hoxe coa programación musical máis extensa

Os Maios de Canido finalizan hoxe coa programación musical máis extensa
O primeiro día da programación comezou cunha cita nas rúas de Canido para pasear entre artigos de segunda man, artesanías e antigüidades á venda | JORGE MEIS

As actividades enmarcadas no programa dos Maios de Canido continúan até hoxe pola tarde. Onte foi o día que contou cun maior número de citas e as do domingo volven ocupar boa parte da xornada, entre as que destaca a popular comida veciñal na rúa, que este ano se trasladará a un espazo cuberto con motivo da chuvia.


O plan do sábado contou con accións como dous talleres dirixidos ao público familiar e cinco actuacións musicais, a cargo de Vane’s Band, Transfussion Sound, Amlenne, Biter Cans e Malditos Pendejos.

 

Domingo

Coma cada ano, o Toldo da Tafona integra festa e compromiso cos empobrecidos do barrio, aínda que esta vez trasládase da praza ao CEIP Cruceiro de Canido. Grazas ás entidades donantes, hoxe dende as 11.00 até as 16.00 horas, véndense distintos produtos a prezos populares, que se recadarán para o desenvolvemento de proxectos sociais en Canido. Os fondos obtidos serán xestionados por Cáritas e destinados á parroquia de Santa Cruz. Para os interesados que non asistan, tamén se pode doar na conta ES63 2080 0225 1930 0001 1777.


A acción solidaria compaxina coa música tradicional de agrupacións locais. Ás 12.00 horas comezan os concertos a cargo do grupo de pandereteiras e cantareiras do obradoiro de Muíño do Vento. A continuación, veñen Os Xotas, ás 12.30 horas, e ás Treboeiras de Canido á 13.00 horas.


Grey City Funk inaugura a sesión vermú na praza Fernando Miramontes á 13.00 horas. Este colectivo vai máis alá do estilo funk e achega un son arraigado na tradición, á vez que transporta enerxía actual, cunha iconografía surfeira e influencias das músicas negras americanas.


As melodías continúan na praza do Cruceiro ás 14.30 horas, da man de Nimbos. Este grupo parte da música tradicional e canta en galego, aínda que bebe de diferentes estilos, dende o folk desta terra até o doutros países. Ás 15.00 horas comeza a comida veciñal, que estaba previsto que se localizara nos Xardíns de Ucha, na praza do Cruceiro e en rúas como Alegre, Alonso López e Lili. En caso de chuvia, o encontro trasladarase ao pavillón do CEIP Cruceiro de Canido. As mesas e cadeiras que se utilizarán para o banquete cedeunas o Porto.


Os Cantaberneiros amenizarán a sobremesa dende as 17.00 horas, cun percorrido que parte da praza do Cruceiro. Estos artistas céntranse na música tradicional e nos cantos de taberna. Para rematar, Ubuntu ofrece xogos e obradoiros no parque Antón Varela a partir das 18.00 horas. A comida non faltará durante a xornada, xa que ademais do pulpeiro, haberá “foodtrucks” durante as actuacións musicais. 

Os Maios de Canido finalizan hoxe coa programación musical máis extensa

Te puede interesar