O harmonicista compostelán Marcos Coll actúa mañá sábado no Jofre –20.30 horas– para presentar “Nómade”, un traballo no que reinterpreta a música de raíz, a súa propia tamén, a través do instrumento que o levou a compartir escenario e estudio de gravación con algúns dos músicos máis grandes do mundo.
A harmónica enganchouno desde o principio?
Probara coa batería e coa guitarra, pero comezara co violín con 11 anos no conservatorio. O meu tío tamén é músico e nese momento estaba volcado no blues, e para min o que dicía el ía a misa. Empecei a escoitar a harmónica e namoreime dela á primeira. Creo que hai instrumentos que están feitos para ti e outros non, e a harmónica foi para min algo supernatural desde o principio.
Aínda que é un instrumento que se asocia a un xénero concreto, a súa visión é introducilo noutros contextos...
Si, pero en Occidente porque, por exemplo, a Asia vou todos os anos a tocar a festivais de harmónica e alí é outro mundo. Alí non ves harmonicistas de blues. Alí, en Corea ou en Taiwan, é un instrumento superpopular que toca todo o mundo, desde nenos a señoras; é, como din alí, o “violín dos pobres”. En Occidente si está máis asociado ao blues, ao country, folk, Bob Dylan... A min sempre me gustou todo tipo de música e, polo tanto, quixen tocar diferentes rexistros. Hai que ter en conta que a harmónica é o instrumento máis parecido á voz.
“Nómade” é a culminación a unha traxectoria que o levou a tocar con músicos da talla de Mick Taylor ou Buddy Miles?
O disco chega dunha forma natural. É algo que sempre quixen facer, pero non me atrevía. A min custoume moitos anos estudar a música blues, a súa tradición. Sempre quixen tocar música galega pero pensaba que tería que pasar outros dez ou quince anos aprendendo ben os códigos e os rexistros da música tradicional, con tanta historia detrás. Jairo Zavala –Depedro– díxome, cando estaba gravando con el o disco “Máquina de piedad”, que quería producirme un disco pero que non fose de blues, senón de música galega, de música de raíz. Díxome que buscara música que escoitara sempre das miñas avoas. Púxenme a iso, pero chegou un momento no que dixen: “Vou lembrar o que teño gravado na cabeza”, así que foi máis ver o que saía de min. Mira, ata entón eu tocara practicamente a mesma muiñeira ca o meu baixista, que é de Houston, pero mentres para min era moi doado o 6x8, para el era algo totalmente distinto. Todo iso tíñao dentro por cultura, por terme criado aquí.
Agora tamén se atreve coa voz...
Algún tema teño cantado. Eu toco batería e a guitarra, pero, claro, toco con tan bos músicos que chega un momento en que me dá algo de vergoña non estar ao seu nivel. E coa voz pásame o mesmo: só canto cousas que estou ben certo de que funcionan, que están ao mesmo nivel que coa harmónica ou dos músicos. Na banda cantamos todos.
Vive en Berlín desde hai vinte anos... Tiña claro que para evolucionar neste mundo era necesario saír fóra?
Un pouco si. Cando nos mudamos fíxeno con Adrián Costa, o meu compañeiro de Los Reyes del KO. Nese momento viviamos en Madrid e xa tiñamos feito todos os festivais de blues, coñeciamos todos os músicos de blues que había en España e foi como que xa non tiñamos moito máis que aprender aquí. A escena estaba ben, pero xa a tiñamos moi trillada. Saíunos un festival en Munich e probamos. Alemaña tiña moita tradición de blues pola influencia norteamericana e había unha escena máis potente. Fomos moi á aventura, pero decontado nos foi ben. Adrián marchou aos sete anos a Estados Unidos, eu quedei alí, casei alí, teño un neno que naceu alí. Agora a escena de blues está ao mesmo nivel en España e en Alemaña, pero interésame máis a escena doutros tipos de música e estou pensando en voltar á terra...
Agora, desde este punto en que un xa é un referente e pode desenvolver os seus propios proxectos, que sente cando mira cara atrás?
Cando miro cara atrás non o creo. Empecei porque me gustaba tocar a hamónica, con Adrián, cos amigos, sen ningunha pretensión. Tivemos moita sorte nos anos 90 en Compostela, cando con 14 ou 15 anos comezamos a tocar nos bares da Zona Vella. Fixémoslle graza á xente, seguimos actuando... Foi todo sen pensalo. Logo vímonos en Madrid tocando con Mick Taylor ou Buddy Miles... A verdade é que nunca pensei ser músico profesional.