Martín Otero: “Partimos do jazz, pero gústanos facer cousas distintas”

O pianista ferrolán actúa o xoves –21.00 horas– no Torrente Ballester con Ju Young
Martín Otero: “Partimos do jazz, pero gústanos facer cousas distintas”
Young e Otero preparan disco I Cedida

Os Xoves da Capela traen esta semana –21.00 horas– ao Centro Torrente Ballester a proposta jazzística do dúo formado polo ferrolán Martín Otero e a surcoreana Ju Young, dous talentos musicais que se coñeceron hai uns anos no Conservatorium van Amsterdam e que, desde entón, non deixaron de tocar e compoñer novos temas xuntos.


A distancia –Ju Young segue a vivir na capital dos Países Baixos e Martín Otero na Coruña– non foi nunca, e tampouco agora, un impedimento para que, cada tres ou catro meses, se reúnan para compoñer novos temas e “facer algúns bolos”, tanto en Galicia, como é o caso estas semanas, como en Holanda. 


O destes dous músicos foi un frechazo musical instantáneo. “Comezamos a tocar e compoñer desde o momento en que chegamos ao conservatorio”, comenta Martín, “sobre todo como dúo, aínda que tamén en grupos”. Desa primeira combinación de piano –Martín– e voz –Yu– teñen pasado xa cinco anos. 


A proposta destes dous músicos ten, explica Otero, unha base de jazz, aínda que con matices. “Si, o repertorio é, en liñas xerais, jazzístico, pero dentro desa casiña”, explica, “tratamos de facer moita cousa brasileira, moitos temas nosos tamén e, de cando en vez, algún estándar, algo experimental e mesmo algún tema popular, xa sexa español, cubano ou surcoreano”.

“Gústanos facer cousas distintas”, recoñece o pianista ferrolán, “á marxe do que poida resultar máis ou menos conveniente a nivel comercial”. 


Mentres seguen a traballar en temas orixinais e na revisión de cancións da tradición popular, o dúo prepara o que será o seu primeiro traballo discográfico. “Estamos nunha fase inicial, organizando os temas, que serán nosos e cun peso importante da tradición, sobre todo de música brasileira”, avanza. 

Martín Otero: “Partimos do jazz, pero gústanos facer cousas distintas”

Te puede interesar